Un concerto das xaponesas Kiyoko Ohashi e Haruna Takebe, segunda cita das sonatas para violín e piano de Beethoven

A violinista Kiyoko Ohashi e a pianista Haruna Takebe ofrecen o martes 8 no Paraninfo da USC a partir das 20.00 horas o segundo dos concertos do ciclo ‘Sonatas para violín e piano de Beethoven’, dentro do que ata o mes de febreiro se interpretarán as dez sonatas que para estes instrumentos compuxo Beethoven entre 1799 e 1812. As concertistas xaponesas presentan no seu recital a sonata nº 3 en Mi bemol maior e a sonata nº 7 en dó menor O ciclo monográfico ‘Sonatas para Violín e Piano de Beethoven’ conta na parte interpretativa con solistas da Real Filharmonía de Galicia (á que pertence Kiyoko Ohashi desde 1999) e con destacadas alumnas da Escola de Altos Estudos Musicais. O programa dos catro concertos é responsabilidade do profesor de Historia da Música da USC, Javier Garbayo. Nas dúas citas que aínda restan deste ciclo, o día 29 de xaneiro actuarán Nazaret Canosa ao violín e Vera Pavlova ao piano coas sonatas nº 1, nº 4 e nº 8; e o 19 de febreiro o ciclo clausúrase coa interpretación das sonatas nº 2, nº 5 e nº 10 a cargo da violinista Beatriz Junco e a pianista Alicia González Permuy. Todos os concertos serán ás 20.00 horas no Paraninfo da USC.