Skip to main content

O Ibader acolle este mércores a presentación do proxecto Life+ Tremedal, dotado con 2,8 millóns de euros

O reitor da USC, Juan Casares, e o coordinador técnico do proxecto en Galicia, Pablo Ramil, informarán sobre os obxectivos e as actuacións contempladas

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, presentará este mércores, 20 de febreiro, a partir das 18.45 horas, na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), o proxecto ‘Humidais Continentais do Norte da Península Ibérica: Xestión e Restauración de Turbeiras e Medios Higrófilos’, dotado con máis de 2,8 millóns de euros de financiamento e que inclúe diversas actuacións na provincia de Lugo.

O coordinador técnico deste proxecto para Galicia, o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do campus de Lugo, Pablo Ramil, explicará máis polo miúdo os obxectivos deste proxecto dotado con fondos europeos, así como as distintas actuacións programadas na provincia de Lugo. A presentación do proxecto ‘Humidais Continentais do Norte da Península Ibérica: Xestión e Restauración de Turbeiras e Medios Higrófilos’ levarase a cabo ao remate dunha reunión do consello de goberno do Ibader, no transcurso dun acto no que se agarda a presencia de distintos membros do consello, así como do vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e da directora do Ibader, Elvira López Mosquera, entre outras autoridades políticas e académicas.

The contents of this page were updated on 02.19.2013.