Skip to main content

Dúas emprendedoras da USC formaranse en empresas iberoamericanas cun programa de RedEmprendia

María Córdoba Otero e Marta Arena Romasanta, emprendedoras vinculadas á Universidade de Santiago, participarán este ano na segunda edición do programa ‘Novos emprendedores: Aprendendo a emprender’ (NEAE 2013) de RedEmprendia na que adquirirán experiencia sobre xestión empresarial a través de estancias en pequenas e medianas empresas da rexión iberoamericana. As dúas traballan no ámbito da bioloxía e a zooloxía, e iniciaron a súa aventura empresarial o ano pasado aproveitando os coñecementos da súa etapa como investigadoras na Universidade compostelá. María Córdoba Otero, doutora en Bioloxía pola USC, é a fundadora de Deroceras, spin-off dedicada ao desenvolvemento de solucións para o control intelixente de pragas na agricultura. A súa empresa elabora modelos preditivos baseados no estudo das especies praga, que permiten saber cando é o momento máis oportuno para aplicar fitosanitarios e racionalizar o seu uso na agricultura. Pola súa banda, Marta Arenas Romasanata dirixe a empresa de base tecnolóxica Alvariza, que presta servizos de asesoramento técnico especializado na área do medio natural para o desenvolvemento de planes, proxectos e actuacións de empresas privadas e administracións públicas. Ambas as dúas foron seleccionadas xunto a outros 16 universitarios de Cantabria, Cataluña, Madrid e Valencia, que contan con iniciativas empresariais nos ámbitos da biotecnoloxía, a electrónica, a nanotecnoloxía, as TIC, o sector enerxético, a alimentación, a cosmética ou a consultaría ambiental. Destaca o número de propostas vinculadas á educación e ao emprendemento social, sectores nos que se enmarcan seis dos proxectos. NEAE é un proxecto de RedEmprendia, co mecenado de Banco Santander a través da súa División Global Santander Universidades, dirixido ás 20 universidades que forman parte da rede, 9 das cales son españolas. Nesta segunda edición concedéronse 39 bolsas de formación para novos emprendedores de Brasil, Chile, Colombia, España, México e Portugal, sendo a USC a segunda universidade española por número de inscricións.

The contents of this page were updated on 02.20.2013.