As identidades da resistencia antifranquista centran un seminario este venres na Facultade de Historia
O profesor do Departamento de Historia Contemporánea da Complutense de Madrid e membro da Cátedra Memoria Histórica do século XX, Jorge Marco, é o convidado este venres 22 do grupo de investigación Histagra da USC para ofrecer un seminario que levará por título ‘Baixo o espectro da comunidade’. Actuarán como comentaristas do texto os membros de HISTAGRA, Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez. A intervención de Jorge Marco, ás 12.00 horas na Aula de Máster de Historia Contemporánea da Facultade compostelá, estará baseada no que constitúe un dos capítulos da súa obra Guerrilleros y vecinos en armas: identidades y culturas de la resistencia antifranquista (Comares, Granada 2012). Nela fala da dinámica de dúas identidades no marco das comunidades locais: unha de carácter local/veciñal e outra de carácter político, ambas as dúas coexistentes nas comunidades rurais. Ao tempo, na charla prestarase atención a dous acontecementos de enorme relevancia como son a fractura interna durante a Guerra Civil e as dinámicas que se xeran no período no que se desenvolveu a acción guerrilleira. Nestas dimensións operaban afinidades políticas, estratexias de poder, supervivencia individual e colectiva e, sobre todo, ‘lealdades primordiais’ de enorme relevancia dentro do campesiñado, que condicionaban as maneiras de actuar. A liña investigadora de Jorge Marco centrouse ata o momento na violencia e a memoria en España durante a Segunda República, a Guerra Civil e o primeiro franquismo, con especial atención ao fenómeno guerrilleiro. Na actualidade dirixe as súas investigacións cara ao ámbito latinoamericano (especialmente Colombia) e a Europa meridional (a antiga Iugoslavia).