Skip to main content

A USC e a Federación Galega de Rugby colaboran na organización do partido internacional entre España e Portugal da Copa de Europa de Nacións

De esquerda á dereita Juan Casares Long e Ignacio Cociña Iglesias (Foto: SERVIMAV)
De esquerda á dereita Juan Casares Long e Ignacio Cociña Iglesias (Foto: SERVIMAV)
As entradas para a comunidade universitaria serán a metade de prezo

O vindeiro 16 de marzo disputarase no estadio de San Lázaro en Compostela o partido internacional da Copa de Europa de Nacións de rugby entre as seleccións de España e Portugal. A organización deste evento deportivo correrá a cargo da Federación Galega de Rugby, para o que a USC lle prestará apoio nos termos que establece un convenio que asinaron hoxe o reitor Juan Casares Long e o presidente da Federación, Ignacio Cociña Iglesias. A Federación Galega, que deixará as entradas ao partido internacional a metade de prezo para a comunidade universitaria, realizará un programa de conferencias sobre este deporte e a súa vinculación coa Universidade (o rugby forma parte da oferta deportiva da USC dirixida especialmente á comunidade universitaria) nos Campus de Santiago e Lugo. A primeira delas, titulada ‘Historias do rugby’, será este xoves 28 ás 20.30 horas no Colexio Maior Fonseca na que Alberto ‘Grifón’, xogador do Pontevedra Rugby Club e responsable das categorías inferiores da Federación Galega, explicará os valores deste deporte desde o seu nacemento ata a situación actual no ámbito internacional. Pola súa banda, a Universidade compostelá cederá para os adestramentos das dúas seleccións as súas instalacións do estadio de atletismo, o ximnasio e unha canle da piscina cuberta. Pon tamén a disposición da federación o estadio e o campo de hóckey para a celebración do torneo Internacional de Veteranos. Por último, cederá dependencias para un máximo de dez concentracións das seleccións galegas que se celebren este ano.

The contents of this page were updated on 02.27.2013.