Skip to main content

A USC realizará para a Fiscalía unha investigación sobre violencia de xénero

De esquerda á dereita Juan Casares Long e Carlos Varela (Foto: SERVIMAV)
De esquerda á dereita Juan Casares Long e Carlos Varela (Foto: SERVIMAV)
O estudo, a realizar con expedientes da área de Santiago, servirá para adoptar medidas organizativas e de xestión que melloren a eficacia do servizo

A Universidade de Santiago elaborará para a Fiscalía de Galicia unha investigación sobre violencia de xénero que permitirá establecer medidas organizativas e de xestión que melloren a eficacia do servizo. Para iso, este martes o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares, e o fiscal superior da Comunidade Autónoma de Galicia, Carlos Varela, asinaron o convenio que regula esta colaboración. A investigación centrarase en determinados aspectos médico legais e xurídico penais dos expedientes da Fiscalía da Área de Compostela relativos a delitos de violencia de xénero desde o 1 de xaneiro de 2005 ata o 31 de decembro de 2013. Analizaranse os datos xerais –non os persoais, suxeitos a confidencialidade- que transcenden máis aló do expediente xudicial e que permitirán compoñer unha radiografía desta problemática en Galicia que para Carlos Varela “é aínda hoxe un auténtico flaxelo social”. En concreto, trataranse variables socio-demográficas relacionadas cos autores e as vítimas; información clínica que permita coñecer a prevalencia dos tipos de agresións sufridas e outros procesos patolóxicos asociados; información dispoñible sobre o seguimento dos protocolos e recomendacións en materia de violencia de xénero á hora de elaborar os partes de lesións e os documentos médico-legais reflectidos nos expedientes; e todos os datos xurídico-penais que poden condicionar máis claramente a adopción de medidas de protección cautelar e as consecuencias penais, ademais da información que permita obter un perfil criminolóxico do maltratador habitual. Unha vez procesada esta información obteranse conclusións útiles para determinar o tipo de violencia exercida en Galicia sobre a muller, a súa importancia estatística, os espazos e contextos de vitimización, a relación de parentesco entre vítima e agresor, a reacción ante a violencia de xénero e as causas, entre outras cuestións. O proxecto, a realizar nun ano con posibilidade de prorrogalo, é a continuación dunha liña de investigación de carácter interdisciplinar no ámbito da violencia de xénero no que traballan os equipos de María Sol Rodríguez Calvo, do Departamento de Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses, e Fernando Vázquez-Portomeñe Seijas, do Departamento de Dereito Público Especial, que consideran que a coordinación entre a medicina legal e o dereito penal é “clave para realizar unha instrución completa e un correcto enxuizamento penal”.

The contents of this page were updated on 02.26.2013.