Skip to main content

Inauguración da exposición ‘ARTEfactos. Dinamitando prexuízos dende a integración’

O proxecto CampUSCulturae inaugurará este xoves 7 a exposición ‘ARTEfactos’, lugar de encontro entre a arte e a discacacidade e da súa expresión a través da confluencia entre as artes plásticas, a vídeo-creación e a fotografía. O reitor Juan Casares presidirá o acto inaugural no Salón Artesoado ás 19.30 horas coa presenza ademais da secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro; da xerenta da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago; do director do Museo de Belas Artes de Murcia, Juan García; do director xeral da Fundación Menela, Cipriano Jiménez; e do coordinador do proxecto, Xosé A. Neira. Ademais das entidades e institucións representadas no acto inaugural, colaboran tamén a Unidade de Demencias do Hospital Universitario ‘Virgen de la Arrixaca’ de Murcia e a Asociación Diversos da Coruña. O obxectivo desta iniciativa é, como sinalan os promotores de CampUSCulturae, “ mudarmos o mundo dos guetos establecidos e supostamente ben intencionados, facelo saltar polos aires para construírmos unha arte de todos, dende todos, para todos, con todos”. Neste senso, o lema da mostra é ‘Dinamitando prexuízos dende a integración’. En ARTEfactos conflúen ‘Fotografía a cegas’, proposta expositiva creada a partir das imaxes realizadas por persoas con discapacidade visual; ‘Entretelas’, iniciativa do Taller de Arte e Terapia da Unidade de Demencias do Hospital ‘Virgen de la Arrixaca’; ‘Olladas dende a diversidade’, obras pictóricas de persoas con Trastorno do Espectro Autista; e ‘Míranos’, performance de danza e integración desenvolvida pola compañía 5S da Asociación Diversos. Este conxunto completaranse cunha serie de accións paralelas en forma de perfomance, concertos e conferencias. ARTEfactos encádrase dentro de ADAN, Plan para Asociar a Diferenza á Normalidade.

The contents of this page were updated on 02.06.2013.