Skip to main content

María Antonia Arias tomou posesión como decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais

O reitor e a nova decana saúdanse ante a presenza da secretaría xeral da USC. Foto: Santi Alvite
O reitor e a nova decana saúdanse ante a presenza da secretaría xeral da USC. Foto: Santi Alvite

A profesora do Departamento de Socioloxía María Antonia Arias Fernández tomou posesión este xoves como decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago nun acto protocolario presidido polo reitor Juan Casares Long. Arias Fernández, elixida en febreiro por unha ampla maioría de votos dos integrantes da Xunta de Facultade, estará acompañada no seu equipo de goberno polo profesor da área de Ciencia Política Ramón Bouzas como vicedecano e pola profesora Irene Rodríguez, da área de Relacións Internacionais, como secretaria, ambos os dous con ampla experiencia en xestión universitaria. O reto máis inmediato ao que se enfronta o novo equipo decanal é a revisión do plan de estudos da facultade que debe estar aprobado en maio de 2014. A lexislación nesta materia obriga a que os plans de estudos adaptados a Bolonia (Ciencias Políticas e da Administración e Matemáticas foron os primeiros centros da USC en ter títulos de grao) se revisen no prazo de seis anos. Por iso, “e para que a nosa Facultade siga ocupando os primeiros postos no ránking de estudos de Ciencia Política en España”, María Antonia Arias avanzou no seu discurso que en setembro sairá elixida a comisión encargada desta tarefa que, “integrada por docentes de todas as áreas de coñecemento e alumnado”, deberá presentar á Xunta de Facultade en maio do vindeiro ano un novo plan “que solucione as insuficiencias detectadas no vixente”. A defensa do público non contexto actual de crise foi, xunto coa atención ás reivindicacións do persoal de administración e servizos do centro, outro dos retos que se formula para estes catro anos. “Queremos que o noso alumnado, cunhas expectativas laborais bastante malas, polo menos teña a seguridade de que a Universidade lle dá resposta aos motivos que o levaron a iniciar no seu día os seus estudos universitarios”. Neste contexto, “é cada vez máis necesario defender a autonomía universitaria, que é a que garante o servizo que as universidades cumpren na sociedade na que se fundaron”. “A nosa institución –rematou– vai seguir sendo referencia moral nuns tempos nos que a dimensión ética da acción pública queda cuestionada”. María Antonia Arias María Antonia Arias Fernández, que releva no cargo a Nieves Lagares, é profesora titular da área de Socioloxía. A carreira docente e investigadora comezouna no Departamento de Socioloxía IV da Complutense de Madrid, obtendo no curso 1991-1992 a súa praza na Universidade de Santiago. É responsable da Comisión de Calidade da titulación do Grao en Ciencia Política e foi bolseira de organismos oficiais (CICYT) e privadas (Fundación March). As súas publicacións e investigacións xiran en torno á relación entre comunicación e sociedade (estudos de discursos) e técnicas cualitativas. Pertence ao grupo de investigación do profesor Requena Santos e ao de investigadores en mediacións comunicativas dirixido polo catedrático da Complutense José Luis Piñuel Raigada.

The contents of this page were updated on 03.21.2013.