Skip to main content

Preséntase este martes o segundo concerto do programa musical ‘Lubicán 2013’, que terá ‘Os Minhotos’ como grupo convidado

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; o deputado delegado da Área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre e varios compoñentes do grupo ‘Os Minhotos’ presentarán hoxe, a partir das 13.00 horas, no salón de actos da Deputación de Lugo, o segundo concerto programado ao abeiro do convenio Lugo Cultural no marco do ciclo ‘Lubicán 2013’.

O grupo convidado para esta ocasión, ‘Os Minhotos’, unha formación luguesa integrada por Alberto Castro, gaita, pandeiro, pandeireta e bombo; Bruno Villamor, gaitas zanfona, requinta, pandeireta e tamboril; Paula Fernández, acordeón; Vítor Otero, zanfona, gaitas percusións, e Xaneco Tubío, tamboril, pandeiro, pandeireta, tixoletas e ferriño, presentará no marco ‘Lubicán 2013’ o vindeiro xoves 14 de marzo, a partir das 20.30 horas, no auditorio Gustavo Freire, o seu último traballo, ‘Pinga d’auga’.

Os cinco músicos galegos que compoñen ‘Os Minhotos’ formáronse en conservatorios e escolas de música e caracterízanse polo seu aprecio á música do seu país sen aditivo algún. En ‘Pinga d’auga’, ‘Os Minhotos’, un grupo que combina a estética e o gusto da formación tradicional coas harmonizacións clásicas, achegan ao público doce temas cos que pretenden “contribuír a crear ese inmenso mar de músicas feitas neste país”.

The contents of this page were updated on 03.11.2013.