Dúas docentes da USC, homenaxeadas pola Asociación de Executivas de Galicia
A Asociación de Executivas de Galicia réndelle hoxe, Día da Muller Traballadora, unha homenaxe a catro mulleres “que simbolizan valores cos que nos sentimos identificadas”, entre elas as profesoras da USC María Xosé Rodríguez Galdo e Mabel Loza. María Xosé Rodríguez Galdo, catedrática de Historia da Economía e directora do Centro de Estudos avanzados da USC, é recoñecida pola asociación coa distinción no ámbito da responsabilidade social pola defensa da muller dende os múltiples ámbitos profesionais nos que se desenvolve, entre os que destacan os seus estudos sobre o papel da muller nos movementos migratorios ou o labor activo dende o centro que dirixe e o Seminario Muller-Universidade. Pola súa banda, Mabel Loza, coordinadora do grupo Biofarma, recibe a homenaxe á muller investigadora en recoñecemento á súa carreira no ámbito da investigación farmacéutica.