O Grupo Compostela de Universidades abre o prazo de presentación para o XVII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galícia
O Grupo Compostela de Universidades e a Xunta de Galicia animan ás universidades da Asociación, así como a todo tipo de institucións oficiais a presentar candidaturas ao Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia. O galardón leva 17 anos recoñecendo persoas e organizacións promotoras de proxectos ou ideas de calado internacional, especialmente aquelas relacionadas co ideal común europeo, a educación e a preservación da nosa herdanza cultural. Para nomear un candidato deberase completar o formulario oficial, dispoñible na web do Grupo Compostela, e envialo á Secretaría da Asociación (Casa da Cuncha, rúa da Conga, 1. 15782 Santiago). A data límite para facelo é o día 15 de abril do 2013. O fallo do xurado farase público no mes de maio e a cerimonia de entrega do Premio terá lugar en setembro na Universidade de Nantes, durante a XIX Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades. A cuncha de ouro, emblema do Grupo que se entrega a todos os gañadores, recaeu o ano pasado no Colexio de Europa, institución de Estudos Europeos de posgrao que conta entre os seus antigos alumnos a persoeiros como a primeira ministra de Dinamarca, Helle Thorning-Schmidt, ou o vice primeiro ministro do Reino Unido, Nick Clegg. En anos anteriores, outras figuras de prestixio como a vice presidenta da Comisión Europea e comisaria da Axenda Dixital, Neelie Kroes, ou o diplomático exipcio e Premio Nobel da Paz, Mohamed ElBaradei, recibiron o galardón.