Skip to main content

Rematan os traballos dos arqueólogos da USC no maior barco da Armada Invencible afundido en augas ferrolás

Rematan os traballos dos arqueólogos da USC no maior barco da Armada Invencible afundido en augas ferrolás
Rematan os traballos dos arqueólogos da USC no maior barco da Armada Invencible afundido en augas ferrolás
Os restos atopados, “danados de xeito intencional”, supoñen a perda “dunha valiosa información histórica”, denuncian os investigadores

O grupo de investigación Arqueopat da USC dirixido polos profesores Fernando Acuña Castroviejo e Raquel Casal García rematou os traballos de prospección arqueolóxica subacuática na badía de Ferrol sobre ‘La Ragazzona’, o maior barco da Armada Invencible, unha das flotas máis grandes da historia enviada por Felipe II á conquista de Inglaterra. Logo das prospeccións realizadas entre o 4 e o 8 de marzo os investigadores atopáronse con restos da nave “danados de xeito intencional, xa que presentan fracturas e roturas da concreción froito do golpeo a fin de ver o que contiñan”, afirma Acuña, que adianta que diante das condicións atopadas e a falla de elementos lígneos ou cerámicos “parece que debeu ser expoliado nos últimos anos, coa subseguinte perda dunha valiosa información histórica”. La Ragazzona, nave de orixe veneciano, capitá da Escuadra de Levante baixo o mando de Don Martín de Bertendona, afundiu hai 425 anos na viaxe de volta da flota o día 8 de decembro de 1588 tras circunnavegar Gran Bretaña e Irlanda e antes de entrar no Porto da Coruña procedente da Ría de Muros. A datación, próxima fase Os traballos de prospección do proxecto, que partiu da busca e o estudo da documentación histórica dispoñible no Arquivo de Simancas, realizouno un equipo técnico dirixido polo doutorando David Fernández Abella e composto polos arqueólogos subacuáticos Ignacio Crespo, David Santos e Alba Ferreira, o buceador profesional Iago Abilleira, a restauradora Diana Blanco e o fotógrafo arqueólogo Erik Carlsson-Brandt Fontán. O equipo localizou o naufraxio na posible zona de afundimento da Ragazzona en Caneliñas, preto do Porto Exterior de Ferrol. Alí comprobaron que o pecio dispoñía de grandes canóns de ferro e diversos elementos de lastre e carga, nunha área duns 900 m2, e que as pezas de artillería mostran unha tipoloxía antiga, anterior á fase de Artillería de Ordenanza (S. XVIII). O estudo dos restos e datos recollidos podería determinar unha datación e a identificación coa nave capitá da Escuadra, que é o que se fará na próxima fase na que se prevé seguir profundando nesta etapa da historia naval nas costas galegas. Patrimonio custodiado O xacemento será posicionado e incluído na Carta arqueolóxica subacuática de Galicia da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e será obxecto de vixilancia e protección pola Armada e demais organismos competentes. Os primeiros resultados presentaranse no I Congreso de Arqueoloxía Náutica e Submariña española, a celebrar proximamente en Cartaxena.

O proxecto contou co apoio da unidade de buceo da Armada dirixida polo comandante Avelino Ríos, con base en A Graña (Ferrol), e da Empresa de arqueoloxía Argos, Servicios de Actividades Subacuáticas, S.L., ademais de varios profesionais e investigadores das Universidades de Valladolid, Durham e Aix-Marseille, que colaboraron en diversas parcelas do estudio histórico/arqueolóxico.

The contents of this page were updated on 03.12.2013.