Skip to main content

Conferencia sobre as vantaxes da computación de altas prestacións para o control e a predición de incendios

Conferencia sobre as vantaxes da computación de altas prestacións para o control e a predición de incendios
Conferencia sobre as vantaxes da computación de altas prestacións para o control e a predición de incendios

O director do Departamento de Arquitectura de Computadores e Sistemas Operativos da Universidade Autónoma de Barcelona, Tomás Margalef, ofrece este venres 15 no CiTIUS unha conferencia sobre as vantaxes da computación de altas prestacións no ámbito da predición e o control de incendios. Os incendios forestais representan un grave problema, especialmente nos países do sur de Europa. Unha boa predición do avance da fronte é esencial para actuar de xeito eficiente contra este tipo de catástrofes. Na actualidade, as prestacións e capacidades dos procesadores multi/many core ofrecen ferramentas precisas para realizar unha predición vinculada á progresión do incendio, pero calculada nun tempo moi inferior ao ritmo de propagación das lapas. Para logralo, deseñáronse modelos e simuladores que intentan predicir o comportamento do incendio (modelos de propagación das lapas, modelos de predición meteorolóxica, modelos de campos de ventos... etc.); non obstante, estes patróns requiren un conxunto de parámetros de entrada que en moitos casos non poden ser determinados con precisión. Isto provoca que a estimación se realice introducindo certo grao de incerteza, o que reduce considerablemente o nivel de fiabilidade con respecto ao comportamento real do incendio. Tratando de evitar estes conflitos desenvolveuse unha metodoloxía que sintoniza os parámetros de entrada do modelo e mellora as predicións. Baseada en dúas etapas (calibración e predición), esta técnica aplica algoritmos xenéticos que requiren un número elevado de simulacións executadas en paralelo, o que concede especial protagonismo aos sistemas de cómputo de altas prestacións. Grazas a estes sistemas HPC (High Performance Computing, nas súas siglas en inglés) pódese obter unha predición moito máis rápida que o tempo real, o que resulta decisivo para adiantarse ao comportamento do lume e minimizar a devastación. Os pormenores destas técnicas explicaraos Tomás Margalef este venres ás 10.00 horas no salón de actos do CiTIUS.

The contents of this page were updated on 03.14.2013.