Skip to main content

Patentan un novo sistema para o control das células tumorais circulantes, causantes do cancro metastásico

Patentan un novo sistema para o control das células tumorais circulantes, causantes do cancro metastásico
Patentan un novo sistema para o control das células tumorais circulantes, causantes do cancro metastásico

A Universidade de Santiago, a Fundación Ramón Domínguez do CHUS, o Sergas e a Fundación Barrié acaban de solicitar a patente internacional dun novo sistema para o control das células tumorais circulantes (CTC) causantes do cancro metastásico, o que supón un paso definitivo cara ao futuro desenvolvemento clínico desta tecnoloxía. Actualmente a curación do cancro é en moitos casos posible mentres a enfermidade se atopa localizada e mediante a combinación de cirurxía, radioterapia e tratamento sistémico. Non obstante, cando as células do tumor comezan a diseminar ou metastatizar cara a outros órganos ou tecidos o manexo do paciente complícase. Este proceso de metástase representa a principal causa de morte por cancro e constitúe o factor prognóstico máis relevante. O resultado obtido polo grupo de investigación permitirá desenvolver nun futuro dispositivos que controlen o proceso de diseminación das CTC causantes do proceso de metástase, posibilitando o tratamento do paciente como se se tratase dunha situación de enfermidade focalizada. Neste escenario, a combinación de cirurxía, radioterapia e quimioterapia podería resultar tan eficaz como resulta actualmente á hora de tratar un tumor localizado. Os inventores da patente, que xorde a partir dun proxecto financiado pola Fundación Barrié, son o xefe do Servizo de Oncoloxía do CHUS, Rafael López, e os membros do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Alexandre de la Fuente González e Miguel Abal Posada. A Fundación Barrié financia cinco proxectos de investigación cun millón e medio de euros do seu Fondo de Investimento en Ciencia creado en 2011 cos obxectivos de promover a investigación de excelencia, trasladar os resultados científico-tecnolóxicos xerados no sistema de investigación á sociedade, así como abrir a ciencia e a I+D pública ao investimento privado. Os outros catro proxectos, coa UDC, a USC e o centro GRADIANT de Vigo atópanse en proceso de desenvolvemento de negocio.

The contents of this page were updated on 03.06.2013.