A exposición ARTEfactos rompeu prexuízos e tópicos arredor da discapacidade
O proxecto campUSCulturae que coordina o profesor Xosé Antonio Neira Cruz clausurou este xoves a exposición ‘ARTEfactos. Dinamitando prexuízos desde a integración’, proposta vencellada a unha das liñas de traballo deste proxecto subvencionado pola Culture Agency da UE como é a da integración na cultura das persoas en risco de exclusión social. A mellor visibilización desa aposta tivo lugar no Colexio de Fonseca coa actuación da Orquestra Castro Navás integrada por persoas con autismo que naceu en 2000 na Fundación Menela dirixida por Cipriano Jiménez. A Castro Navás interpretou pezas da tradición popular galega, dalgunha das bandas sonoras máis coñecidas do cinema actual e mesmo cancións compostas e popularizadas por artistas como Manu Chao. A contaxiosa paixón dos músicos da Castro Navás lembraba á demostrada na mostra pictórica organizada pola mesma Fundación Menela que se puido visitar en febreiro baixo o lema ‘Olladas desde a diversidade’. Ademais de presentar o traballo do colectivo vencellado á Fundación Menela, ARTEfactos serviu para ensinar na cidade propostas tan novas e reveladoras como ‘Fotografía a cegas’, un traballo coordinado pola Rede Museística Provincial de Lugo a partir das experiencias formativas desenvolvidas cun grupo de persoas cegas, ou ‘A arte de entretelas’, iniciativa única en Europa desenvolvida polo Museo de Bellas Artes de Murcia en colaboración coa Unidade de Demencias do Hospital Universitario ‘Virgen de la Arrixaca’ que serviu para demostrar que a enfermidade de Alzheimer pode ser abordada desde puntos de vista creativos e integradores. CampUSCulturae incorporou tamén a actuación da compañía de danza 5s, da Asociación Diversos da Coruña, integrada por persoas afectadas por distintas discapacidades. No ámbito da divulgación, ARTEfactos acolleu a conferencia de Carmen Antúnez sobre a forma de vencellar arte e minusvalía con óptimos resultados para os doentes e as súas familias.