Docentes e pais e nais debateron na Facultade de Psicoloxía sobre os métodos para previr o acoso nas aulas

Coa intención de coñecer cómo detectar os casos de acoso entre menores, a Unidade de Atención Temperá da Universidade de Santiago reuniu esta semana en Psicoloxía a pais, nais e docentes nunha charla coloquio na que participaron a directora da Unidade, María José Buceta, o profesor de Dereito Penal e Criminoloxía da USC, Santiago Brage, xunto coa nai dunha adolescente vítima de acoso escolar. María José Buceta deu as claves para aprender a diferenciar o acoso doutro tipo de comportamentos violentos entre menores así como para identificar os lugares máis habituais escollidos para intimidar ás persoas máis febles á vez que recordou que a prevención debe ser importante non só nas escolas, senón tamén no eido familiar. Neste sentido, incidiu en que a axuda profesional non só a ten que recibir o neno que padece o acoso senón tamén quen agrede, para evitar que repita o seu comportamento. Pola súa banda, o profesor Brage repasou as normativas vixentes en España que regulan este tipo de comportamentos entre menores, recordando que a maior parte deles escapan do círculo de responsabilidade penal. O profesor da USC explicou o papel residual que ten a Lei do Menor na maior parte dos casos, xa que estatisticamente o groso do acoso se produce en nenos e nenas de entre 12 e 14 anos. A xornada completouse coa testemuña de María Isabel, nai dunha adolescente coruñesa á que a Xustiza vén de dar a razón condenando o centro educativo no que estudaba a indemnizar á súa filla por non ter detectado o caso a tempo.
A Unidade de Atención Temperá ofrecerá unha nova xornada dirixida só a profesionais, na que se axudará a aprender a avaliar o acoso escolar.