Skip to main content

Presentan este venres no CiTIUS o certame ‘A túa Tese en 3 minutos’

A iniciativa trata de premiar a divulgación científica no campo da intelixencia computacional

O investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) Alberto Bugarín presentará este venres 31 a competición ‘A túa Tese en Tres Minutos (T3M)’, unha iniciativa de divulgación científica dirixida a persoal investigador en formación cuxa tese trate algún aspecto de intelixencia computacional. A presentación será ás 10.00 horas no propio CiTIUS. Organizado pola Rede Ática (Rede Temática Española para o avance e a transferencia da intelixencia computacional aplicada) da que Bugarín forma parte, o certame nace co obxectivo de achegar a intelixencia computacional á sociedade e estimular as aptitudes comunicativas dos novos investigadores, tratando de sensibilizalos na importancia de difundir axeitadamente os seus traballos científicos. Na competición as persoas participantes deberán explicar a súa investigación en tres minutos e do xeito máis pedagóxico posible, evitando os tecnicismos e presentando os seus estudos nunha linguaxe comprensible para o gran público, representado polas persoas presentes na sala o día da súa intervención, así como por un xurado formado por especialistas en comunicación científica e técnica.

O prazo de presentación de candidaturas comezou o pasado 15 de maio e permanecerá aberto ata o 10 de setembro de 2013. Nesta primeira fase, os potenciais concursantes deberán enviar unha proposta en formato vídeo, que servirá de argumento ao xurado para seleccionar os finalistas. A votación terá lugar entre os días 15 e 30 de setembro e as persoas seleccionadas participarán na fase final, que se celebrará en novembro en Madrid.

The contents of this page were updated on 05.29.2013.