Skip to main content

O acordeonista Ander Tellería actúa o martes na Casa do Saber de Lugo no ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’

Ander Tellería co acordeón
Ander Tellería co acordeón
O novo músico vasco interpretará durante a seu concerto, que comezará ás 20.00 horas, obras de oito compositores europeos

O acordeonista vasco Ander Tellería ofrecerá este martes, a partir das 20.00 horas, na Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, un concerto durante o que interpretará pezas de oito compositores europeos, no marco do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira, un programa financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural.

Tellería, nado en San Sebastián e familiarizado co acordeón desde os 10 anos, abre así a sección de novos intérpretes deste programa musical. Na actuación prevista en Lugo, Tellería adaptará ás melodías do acordeón obras clásicas de J.S. Bach, F. Liszt, N. A. Huber, A. Valente, F. Correa de Araujo, Carlos Trujillo, E. Granados e E. Halffter. Ander Tellería, na actualidade unha das maiores promesas de acordeón a nivel nacional, chega a Lugo logo de colleitar diversos premios nacionais e internacionais despois de ter actuado en países como Francia, Italia, Portugal, Alemaña ou Arxentina e logo de participar na gravación de varios discos. Este novo intérprete é membro do dúo de acordeón e guitarra Hausoka co que realizou diferentes estreas e forma parte do Ensemble Ciklus. O labor de Ander Tellería abarca tamén a colaboración con compositores nos procesos de creación de novas obras nas que se usa o acordeón, ampliando así o repertorio do instrumento. Desa colaboración xurdiron estreas de compositores como M. Urquiza, A. Edler-Copes, C. Trujillo, Z. F. Generabarrena, J.M. Alberdi e R. Lazkano. Interpretou diferentes concertos para acordeón e orquestra como solista coa orquestra de acordeóns DAOS, e actuou en festivais como Musika-Música , Quincena Musical, Fundación Kursaal, Los Conciertos de Palacio en Medinacelli, Circuito de Música Contemporánea ‘Musikagileak’ etc. No seu proceso de formación como intérprete recibiu clases dos acordeonistas máis prestixiosos a nivel internacional como son James Crabb, Geir Draugsvoll, Matti Rantanen ou C. Jacomucci. En 2012 finalizou os seus estudos de acordeón no Conservatorio Superior de Música del País Vasco (Musikene ) cos profesores Iñaki Alberdi, Aitor Furundarena e Miren Iñarga, e na actualidade realiza un Máster en Interpretación Musical na Hochschule für Musikde Würzburg (Alemaña), cunha bolsa do Goberno Vasco, baixo a tutela do profesor Stefan Hussong.

The contents of this page were updated on 03.04.2013.