A Universidade de Verán da USC oferta 37 cursos en oito localidades galegas

Achegar coñecemento a toda a sociedade nos máximos espazos da xeografía galega é un dos propósitos da Universidade de Verán da USC, que este ano inclúe 37 títulos a desenvolver nos campus de Santiago e Lugo así como noutras seis localidades de toda Galicia. O programa desta edición presentárono en rolda de prensa o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, e o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro. A programación desenvolverase en Compostela, Lugo, Guitiriz, Lalín, Ribadeo, Ribeira, Seoane do Courel e, por primeira vez, Meira, nos meses de xuño, xullo e comezos de setembro. Como en anteriores ocasións, o abano de temas propostos é tan variado como o propio número de cursos incluíndo temáticas relacionadas coa xestión ambiental, a educación da voz, unha revisión da xustiza española, novos modelos de creación e financiamento de industrias culturais, comunidades enerxeticamente autosuficientes, toponimia, loita contra o fraude fiscal, a fiscalizade do fútbol, o clima, a prestación de servizos sanitarios, o Seminario de Estudos Galegos, a xardinería sostible en Galicia, nutrixenómica e nutrixenética, agroecoloxía e gobernanza da auga, compostaxe, as plantas medicinais ou o cancro e os seus factores de risco. O prazo de matrícula abrirase o próximo luns 6 de maio para as persoas que realicen este trámite por internet, e a partir do día 15 se o fan de modo presencial. O período de matrícula rematará unha semana antes da propia celebración do curso e o pagamento ten que facerse obrigatoriamente dentro dos cinco días naturais de facer a inscrición. O alumnado que se matricule poderán validar a súa asistencia como créditos de libre elección ou optativos. Para diplomaturas, mestres, enxeñarías, enxeñarías técnicas e licenciaturas a validación será en forma de libre elección, 2 por cada curso de 30 ou máis horas e 1 polos de menos de 30 horas. Pola súa banda, para os graos a validación será de 2 créditos optativos por cada curso de 25 horas ou máis e de 1 para os de menos de 25. Taxa xeral e reducida A USC mantén as mesmas taxas de matrícula que en anteriores edicións con dúas modalidades, xeral e reducida. A primeira, de 120 euros para os encontros de máis de 30 horas e de 70 para os seminarios e xornadas que non superen esta cifra. A taxa reducida está dirixida ao estudantado de calquera universidade ou estudos de formación profesional ou bacharelato, pensionistas, persoas desempregadas, así como PDI e PAS da USC. Neste caso, os prezos a pagar serán de 70 e 40 euros, segundo a carga lectiva do curso. As persoas interesadas poden recibir máis información na páxina web da Área de Cultura (http://www.usc.es/cultura).