Skip to main content

Repsol e a Rede Española Matemática-Industria asinan un acordo marco de colaboración tecnolóxica

O principal obxectivo é a busca de solucións innovadoras para o sector enerxético desde o ámbito da matemática industrial

O Centro de Tecnoloxía Repsol e a Rede Española Matemática–Industria (math-in) asinaron un acordo marco de colaboración tecnolóxica que pretende promover a transferencia do coñecemento desenvolvido polos preto de trinta grupos de investigación da Red math-in, que se comprometen a traballar con Repsol na busca de solucións innovadoras para o sector enerxético no ámbito da Matemática Industrial. No acto de sinatura estiveron presentes por parte de Repsol, o director xeral Downstream, Pedro Fernández, o director de Tecnoloxía, Fernando Temprano, e o director de Computación Avanzada, Jesús García San Luis; e por parte da Rede Española Matemática–Industria, a súa presidenta e profesora da USC, Peregrina Quintela. A este acordo poderanse adherir todas as universidades e centros tecnolóxicos con grupos de investigación en Matemáticas socios de math-in. Da USC participan na rede os grupos de investigación ‘Ecuacións Diferenciais Non Lineais’ que coordina Juan José Nieto Roig; ‘Enxeñaría Matemática’, cuxo coordinador é Alfredo Bermúdez de Castro; ‘Interdisciplinar de Estatística, Computación, Medicina e Bioloxía’ que coordina Carmen Cadarso Suárez; ‘Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións’, de Wenceslao González Manteiga; e ‘Modelos Matemáticos e Simulación Numérica en Mecánica de Sólidos’ que coordina Juan Manuel Viaño Rey. Esta alianza tecnolóxica fundaméntase no gran potencial que teñen tanto Repsol como a rede matemática para alcanzar un impacto significativo nos futuros proxectos conxuntos. A aplicación da tecnoloxía matemática nos procesos de innovación que se realizan no Centro de Tecnoloxía Repsol, no que se desenvolve tecnoloxía como motor de transformación da compañía, contribuirá a un importante desenvolvemento de solucións eficientes e innovadoras que favorezan un futuro enerxético competitivo, sustentable e seguro. Centro de Tecnoloxía Repsol O Centro de Tecnoloxía Repsol é o centro de investigación privado máis grande de España, que está liderando na compañía o Plan Estratéxico de Investigación e Innovación Tecnolóxica (Plan da Ciencia). A súa principal misión é crear valor e coñecemento propio para construír un futuro enerxético competitivo, sustentable e seguro, que sitúe a Repsol como referente de I+D en todas as áreas relacionadas coa enerxa. Repsol é unha compañía integrada de petróleo e gas que desenvolve a súa actividade en máis de 30 países e que emprega a máis de 23.000 persoas. Repsol está presente en todas as fases da cadea do negocio, incluíndo a exploración, produción, refino, transporte, química, estacións de servizo e novos tipos de enerxía. Rede math-in A Rede Española Matemática–Industria é unha asociación de máis de 30 grupos de investigación en Matemáticas pertencentes a 15 universidades españolas e 2 centros tecnolóxicos, que aúnan esforzos para pór a disposición do tecido industrial unha oferta conxunta das súas capacidades e que centra a súa actividade en fomentar a transferencia da tecnoloxía matemática ao ámbito empresarial e industrial. A tecnoloxía matemática que se desenvolve nos grupos de investigación socios de math-in é de vital importancia para o tecido produtivo xa que polo seu marcado carácter multidisciplinar e transversal achega a pequenas, medianas e grandes empresas unha tecnoloxía cun gran potencial, con investigadores moi cualificados e que non precisan de grandes investimentos para o seu uso.

The contents of this page were updated on 05.16.2013.