Skip to main content

As compañías de teatro da USC acaparan os premios na XVIII Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

Actores da compañía de teatro USC Lugo, na estrea de 'Animaliños'/Sabela M. Eiriz
Actores da compañía de teatro USC Lugo, na estrea de 'Animaliños'/Sabela M. Eiriz
A formación USC Lugo gañou os premios do xurado e do público ‘Carlos Couceiro e Begoña Muñoz’, e o grupo compostelán obtivo a distinción á mellor resolución técnica

As compañías de teatro universitario da Universidade de Santiago de Compostela acapararon a maioría dos premios da XVIII Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, na que a formación USC Lugo puxo en escena a montaxe ‘Animaliños’, unha adaptación da obra de Roberto Vidal Bolaño feita por Paloma Lugilde, mentres que a compañía USC Compostela representou no Teatro Pincipal ourensán a obra ‘ Agamenón. Volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo’.

O grupo de teatro universitario USC Lugo, que dirixe Paloma Lugilde, desembarcou no festival ourensán o pasado 25 de abril, onde presentou no auditorio municipal, a obra ‘Animaliños’. Esta produción, estreada no Festival Internacional de Teatro Universitario de Lugo e que xa xirou por Vigo e A Coruña, conseguiu un novo éxito en Ourense, onde os integrantes do grupo de intervención na rúa da formación luguesa representaron na Rúa do Ferro a performance ‘Onde está o xardín?’. O éxito acadado con ‘Animaliños’ na Miteu de Ourense permite á compañía USC Lugo repetir o acadado na pasada edición deste festival, na que tamén mereceu o premio outorgado polo xurado. Na representación desta nova produción, cuxa temática versa sobre unha comunidade de propietarios que sufre unha invasión de caracois, participaron unha ducia de actores, dos que seis (Mónica , Natalia, Ramón, Guillermo, Diego e Aline) veñen de incorporarse este curso á compañía, mentres que tres (Uxía Aguiar, Bea Miranda e Raquel Gondi) xa contan cun ano de experiencia neste grupo, no que tamén continúan outros membros cunha traxectoria máis longa, como son Rubén Pérez Pombo, Roberto Rivas e Lili. Este heteroxéneo elenco de actores, aos que cómpre engadir outros sete compoñentes que integran o grupo de intervención na rúa, volverá a representar o vindeiro venres, día 3 de maio, en Culleredo algunhas das escenas de ‘Animaliños’. Esta produción teatral, xa completa, poderá presenciarse tamén en Santiago de Compostela o día 5 de maio. Os galardóns que no marco da Miteu de Ourense recoñecen e lembran a Suso Díaz, que son outorgados polo persoal técnico do Auditorio e do Teatro Principal e que premian as obras coa mellor resolución técnica, foron para Teatr´ubi/Asta de Covilhâ, de Portugal, por ‘Parecía que dançavamos. Tu vestido de príncipe e eu nua', no caso do Auditorio, e para a compañía USC Compostela, por 'Agamenón. Volvín do supermercado e deille una malleiro ao meu fillo', no caso do Teatro Principal.

The contents of this page were updated on 04.29.2013.