O pianista lugués Xoán Elías Castiñeira interpreta este xoves na Casa do Saber ‘As Variacións Goldberg’
O concerto de Xoán Elías Castiñeira, organizado polo Concello de Lugo, en colaboración coa Universidade de Santiago, no marco da XLI Semana da Música do Corpus, pretende servir de homenaxe póstuma a Rosalyn Tureck (1913-2003). Así, ao remate da interpretación musical, o propio Xoán Elías Castiñeira ofrecerá un breve relatorio sobre a memoria e o legado artístico desta lendaria pianista. Xoan Elías Castiñeira estudou na Escola Superior de Música de Cataluña (Barcelona), Universitat der Kunste (Berlin), Academia Marshall (Barcelona) e no Chicago College of Performing Arts. Os seus principais mestres foron Eulalia Sole, Fabio Bidini e Carlota Garriga. Traballou intensamente con Alicia de Larrocha, Maria Tipo, Elsa Puppulo, Leslie Howard, Nelly Ben-Or (Tecnica Alexander), Wolfram Rieger e Dietrich Fischer-Dieskau. Entre outras cualificacións, obtivo un Máster of Music, Royal Holloway, University of London (2008) e un Máster de Música Espanola, Academia Marshall (2011). Actualmente reside en Zurich e reparte o seu tempo entre interpretación, management e investigación. É director executivo adxunto da Vertriebs AG da Fundacion J.S. Bach de St. Gallen, unha organización que promove con capital totalmente privado a interpretación da música de Bach, particularmente da obra vocal, así como a súa difusión por medios tradicionais (cds, dvds) e novos (streaming entre outros). Como editor do Tureck Bach Research Institute Inc. New York revisou varios escritos da lendaria pianista Rosalyn Tureck tras unha extensa investigación no Howard Gotlieb Archival Research Center, Boston University. Os seus artigos foron publicados en medios como www.tureckbach.com e The Liszt Society Journal. En 2009, o British Library Sound Archive nomeouno Edison Fellow e completou unha investigación sobre a actividade pedagóxica de Clara Schumann en Inglaterra.