Skip to main content

Novo concerto do Coro Universitario na Igrexa da Compañía

O Coro Universitario de Santiago de Compostela ofrece este xoves 6, acompañado da Capela Compostelana, un novo concerto no que reconstruirán unhas Vésperas da Virxe Negra, de moita tradición na Península e tamén en Galicia por medio da advocación da Virxe de Guadalupe de Rianxo. O recital ‘Nigra sum’ terá lugar ás 21.00 horas na Igrexa da Compañía baixo a dirección de Miro Moreira. O tenor Diego Neira e o barítono Luis Martínez porán voz a composicións da mellor polifonía dos séculos XV e especialmente do XVI, con especial atención a obras propias escritas ex profeso para os servizos litúrxicos da catedral de Santiago, o que fai o concerto de hoxe especialmente singular. Como explica no programa o profesor da USC Javier Garbayo, “se existe unha hora litúrxica que en sinaladas ocasións alcanzaba en tempos pasados unha singular belleza esta é sen dúbida a de Vésperas, sobre todo cando eran solemnes”. Canonicamente, o Oficio de Vésperas cántase ao atardecer e consta de cinco salmos precedidos e seguidos das súas correspondentes antífonas. A eles engádese unha lectura do Novo Testamento, o rezo das ladaíñas, un himno e o canto do Magníficat. Nesta ocasión os salmos son Dixit Dóminus (Ps. 109), Laudate pueri (Ps. 112), Laetatus sum (Ps. 121), Nisi Dominus (Ps. 126) e Lauda Ierusalem (Ps. 147). Para o himno escolleuse un dos marianos máis fermosos, o Ave maris stella. Igualmente cobra especial interese neste concerto o texto do Nigra sum, tomado do Cantar dos cantares(1, 5), do Antigo Testamento, un poema onde a figura da esposa é tratada como símil da Igrexa, escurecida polos pecados dos seus fillos, pero constantemente fermosa, pura e santa, na obra salvadora de Cristo, por medio da súa encarnación na Virxe María. Para esta reconstrución elixiuse música de Tomás Luís de Victoria, Juan Navarro, Cristóbal de Morales, Francisco Guerrero, Josquin de Prés, e Mateo Flecha, ao lado de composicións polifónicas conservadas na Catedral de Santiago e escritas para ela polos seus mestres de capela no século XVI.

The contents of this page were updated on 06.06.2013.