Skip to main content

Estudantes do IES Leiras Pulpeiro gañan o concurso de deseño leites fermentados de ‘A ciencia dos alimentos’

Membros da organización da campaña 'A ciencia dos alimentos'
Membros da organización da campaña 'A ciencia dos alimentos'
Divina Rodríguez, Erik Pérez, Olaya Corral e Nuria Castro recibiron cadansúa ‘tablet’, por Danoeira, un iogur de mel con noces “delicioso, orixinal e de calidade”, di o xurado

Catro estudantes do instituto de ensino secundario Leiras Pulpeiro de Lugo, Divina Rodríguez Gavieiro, Erik Pérez Carriba, Olaya Corral Rivas e Nuria Castro Rodríguez, gañaron o I Concurso de Novos Diseñadores de Leites Fermentados convocado pola Aula de Produtos Lácteos (APL) da Universidade de Santiago ao abeiro da campaña ‘A ciencia dos alimentos’, unha iniciativa promovida pola APL e a Escola Politécnica Superior do campus de lugo co obxectivo de “espertar a chispa alimentaria entre o estudantado preuniversitario” e apoiada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), na que tomaron parte a carón de 1.000 estudantes de ensino secundario de distintos institutos das provincias de Lugo e A Coruña.

O xurado encargado de fallar o premio deste concurso de deseño de leites fermentados destacou “ a calidade, a orixinalidade e o sabor delicioso” de Danoeira, un iogur de mel con noces elaborado por catro estudantes do primeiro curso do ciclo formativo de grao superior Procesos e calidade na industria alimentaria, un programa de Formación Profesional estruturado en dous cursos e que este ano conta cun total de 44 persoas matriculadas no centro lugués. O director do IES Leiras Pulpeiro, Íñigo Barreiro, salientou o interese e a boa acollida do concurso de deseño de leites fermentados promovido pola Universidade de Santiago. Así, Barreiro lembrou que este proxecto contou coa participación de 16 alumnos e alumnas de primeiro curso do ciclo de Procesos e calidade nas industrias alimentarias, así como de boa parte do profesorado implicado neste programa de Formación Profesional. “Este premio recoñece o traballo e os bos resultados que está a acadar o IES Leiras Pulpeiro co ciclo superior de Procesos e calidade nas industrias alimentarias, cuxo alumnado xa ten merecido outros galardóns en convocatorias autonómicas”, subliña Íñigo Barreiro, ao tempo que precisa que este ciclo superior, que sempre se caracterizou por un alto grao de inserción laboral, atrae moitos estudantes de fóra da provincia de Lugo e incluso tamén de Asturias. O coordinador da Aula de Produtos Lácteos da USC, Juan Méndez Dónega, e o director da Escola Politécnica Superior de Lugo, Javier Bueno Lema, participaron este mércores no acto de entrega dos premios aos gañadores do I Concurso de Novos Deseños de Leites Fermentados, un certame patrocinado polas empresas lácteas Feiraco e Clesa e ao que se presentaron máis dunha ducia de propostas. Gañadores do concurso de novos deseños de leites fermentados

The contents of this page were updated on 06.05.2013.