Expertos de toda España revisarán as novidades normativas que afectan ás universidades
O Curso de Réxime Xurídico das Universidades celebrará a súa décimo segunda edición na Universidade de Santiago, punto de reunión de asesores xurídicos e persoal de todas as universidades españolas que analizará os novos tempos nos que está inmersa a universidade española dende o punto de vista normativo. Neste senso se prestará especial atención á nova normativa en materia de investigación que se ten ditado nos últimos anos e os seus efectos sobre o réxime xurídico da propiedade intelectual e industrial do persoal universitario. O vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, presidirá a sesión inaugural estes xoves 13 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 9.30 horas. O catedrático de Dereito Mercantil da USC, José A. Gómez Segade, pronunciará a conferencia inaugural titulada ‘ Algunhas cuestións de Propiedade Industrial e Intelectual nas Universidades’. Para completar a sesión da mañá celebrarase unha mesa redonda sobre o persoal ao servizo da administración universitaria. Moderada pola xefa do Servizo Xurídico da USC, Elena Meaños, nesta mesa tratarase o cambio nas condicións de traballo do persoal ao servizo do sector público en tempo de crise, da man do profesor da Universidade de Sevilla Antonio Valverde, e os puntos críticos da contratación laboral e figuras afines, tema do que falará o profesor da Autónoma de Madrid Ricardo Morón. Na xornada da tarde, a partir das 16.30 horas, terá lugar a segunda mesa redonda do encontro na que se abordará a relación entre actividade lexislativa e universidade. Neste bloque, Juan Manuel del Valle, da Universidade Politécnica de Madrid, pronunciará o relatorio ‘Había unha vez un circo’ e Ana Isabel Caro, da Autónoma de Madrid, o titulado ‘Cambios normativos e universidade. A reformas das educacións superiores’. Este encontro tamén analizará os efectos e incidencia da lexislación laboral xeral sobre as universidades, con especial atención sobre os contratos de persoal de proxectos de investigación e sobre un novo réxime xurídico do persoal universitario e o recorte de gastos e de dereitos. Tamén se revisará a incidencia sobre a autonomía universitaria da normativa estatal e os axustes orzamentarios así como os efectos dos novos proxectos normativos. Haberá espazo ademais á fiscalización, a través da realización dunha análise das debilidades no control das universidades, das responsabilidades contables dos xestores e funcionarios e os efectos da contabilidade analítica sobre a xestión universitaria. O encontro celebrarase ao longo dos vindeiros días 13 e 14 organizado pola USC e a Asociación para o Estudo do Dereito Universitario (AEDUN) coa presenza de preto dun centenar de representantes de universidades españolas e portuguesas. Para acadar máis información, a persoas interesadas poden dirixirse á web do congreso no enderezo http://www.usc.es/congresos/xiicursorju/index.htm.