Skip to main content

A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC organiza no Campus de Lugo unha charla sobre hortos urbanos

Actividade de agricultura ecolóxica organizada pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC
Actividade de agricultura ecolóxica organizada pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC
A iniciativa inclúe tamén a realización dun obradoiro para instalar unha plantación destas características na terraza da Facultade de Formación do Profesorado

A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade, organiza o martes 27, ás 17.00 horas, unha charla-coloquio sobre hortos urbanos dirixida a todos os membros da comunidade universitaria do Campus de Lugo. O encontro terá lugar no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado e forma parte dunha actividade de creación dun horto urbano na terraza da propia Facultade, cuxa construción e plantación está prevista para o vindeiro 12 de abril. A charla, a cargo da profesora da Escola Politécnica Superior Belén Díaz, achegará aos asistentes coñecementos básicos sobre agricultura ecolóxica e o coidado deste tipo de instalacións hortícolas; no acto tamén participa Roberto López, do Centro Educativo Galén, quen falará sobre o potencial pedagóxico do uso de hortos como ferramentas de educación ambiental en colexios. USC en Transición A USC declarouse en abril de 2011 como Comunidade en Transición, o que a converteu na primeira institución universitaria española en adoptar os principios desta iniciativa, que promove a organización de grupos en transición para superar os retos do esgotamento dos combustibles fósiles e o cambio climático. Mediante o proxecto USC en Transición preténdese dinamizar a comunidade universitaria da USC para poñer en marcha procesos de transición a pequena escala que, no seu conxunto, ademais de dar a coñecer outros modelos de vida máis sostibles, contribúan a reducir o impacto e a débeda ecolóxica da institución. Toda a información relacionada con este programa estase a difundir a través da web http://www.usc.es/entransicion/

The contents of this page were updated on 03.27.2012.