A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC organiza no Campus de Lugo unha charla sobre hortos urbanos
A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, dependente da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade, organiza o martes 27, ás 17.00 horas, unha charla-coloquio sobre hortos urbanos dirixida a todos os membros da comunidade universitaria do Campus de Lugo. O encontro terá lugar no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado e forma parte dunha actividade de creación dun horto urbano na terraza da propia Facultade, cuxa construción e plantación está prevista para o vindeiro 12 de abril. A charla, a cargo da profesora da Escola Politécnica Superior Belén Díaz, achegará aos asistentes coñecementos básicos sobre agricultura ecolóxica e o coidado deste tipo de instalacións hortícolas; no acto tamén participa Roberto López, do Centro Educativo Galén, quen falará sobre o potencial pedagóxico do uso de hortos como ferramentas de educación ambiental en colexios. USC en Transición A USC declarouse en abril de 2011 como Comunidade en Transición, o que a converteu na primeira institución universitaria española en adoptar os principios desta iniciativa, que promove a organización de grupos en transición para superar os retos do esgotamento dos combustibles fósiles e o cambio climático. Mediante o proxecto USC en Transición preténdese dinamizar a comunidade universitaria da USC para poñer en marcha procesos de transición a pequena escala que, no seu conxunto, ademais de dar a coñecer outros modelos de vida máis sostibles, contribúan a reducir o impacto e a débeda ecolóxica da institución. Toda a información relacionada con este programa estase a difundir a través da web http://www.usc.es/entransicion/