Skip to main content

O Grupo Gist-Idega da USC desenvolve unha web experimental para a promoción de novas formas de turismo alternativo de Galicia

www.galiciaautentica.org é unha web de rutas etnográficas que ofrece unha visión alternativa da cultura galega e se complementa con www.granxafamiliar.com, ambas as dúas concibidas como unha expresión cultural de compromiso co desenvolvemento sostible de Galicia. Así describe o grupo de investigación Gist-Idega da USC e a Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar (ADAF) esta web experimental para a promoción de novas formas de turismo alternativo en Galicia que acaba de estrearse na rede. Os contidos de http://www.galiciaautentica.org/ foron deseñados e definidos a partir da colaboración entre técnicos e investigadores do equipo da USC e unhas trinta familias galegas, que xa participan no proxecto de granxafamiliar.com. Os encontros, reunións e traballos de campo realizáronse durante os últimos dous anos en diversidade de cidades, vilas, parroquias e aldeas galegas. A día de hoxe www.galiciaautentica.org ofrece rutas etnográficas por toda a xeografía galega, mostrando en pequenos vídeos, sons e fotografías a cultura galega e a súa natureza diferencial. Para a súa elaboración un equipo de seis investigadores percorreu a xeografía das diferentes comarcas capturando e dixitalizando pequenos trazos a modo de flashes da vida diaria dos galegos e galegas co obxectivo de difundilo en Internet. O seguinte paso que se está a acometer é a ‘ xeorreferenciación’ deste arquivo multimedia dixital a partir de Google Maps para a súa difusión en redes sociais, ofrecéndose igualmente a través de canles propios en Youtube e Facebook. Deste xeito, o grupo de investigación Gist presenta “unha Galicia auténtica, descoñecida e atractiva diante da mirada de potenciais visitantes, turistas e viaxeiros con interese por coñecer esta comunidade e a súa cultura”, explican os investigadores. O proxecto está concibido como un Museo de Rutas Etnográficas e pretende mostrar a xeografía cultural galega de forma innovadora e creativa, difundindo “todos os aspectos que nos caracterizan como un pobo orixinal e diferente no contexto español e internacional”. Neste senso, o Museo Virtual de Rutas Etnográficas de Galicia dispoñible en www.galiciaautentica.org mostra en formato multimedia aqueles aspectos da cultura, paisaxe, estilos de vida, costumes e tradicións, gastronomía, arqueoloxía ou patrimonio que permiten obter unha auténtica visión alternativa da xeografía cultural de Galicia. O proxecto agora aberto ao público en xeral baséase na cooperación entre diversas entidades que teñen como obxectivo impulsar o desenvolvemento social, económico e cultural de Galicia. Ademais de ADAF e do grupo de investigación Gist-Idega da USC, colaboraron nesta iniciativa Feiraco, a Xunta de Galicia, Cáritas, Caixa Galicia e os concellos de Brión, Antas de Ulla e Lalín. A iniciativa busca chamar a atención da cidadanía, impulsar a reflexión interna na sociedade galega e incentivar a mirada externa sobre a idiosincrasia e os referentes etnográficos en Galicia. En conxunto, “queremos comezar a construír creativamente unha versión alternativa dos tópicos turísticos e chamar a atención dos visitantes para que percorran a nosas aldeas e parroquias, vilas e cidades”, engaden os promotores da web. O proxecto está agora aberto á iniciativa de calquera persoa ou colectivo que desexe crear e difundir unha ruta orixinal en calquera concello ou comarca galega. O sistema foi creado a partir dos principios da comunicación bidireccional e da web social, ofrecendo a posibilidade de editar na web rutas creadas por calquera persoa que percorra Galicia a través da opción Axúdanos a Medrar.

The contents of this page were updated on 07.13.2012.