O catedrático Roberto Blanco Valdés edita en italiano o seu ensaio sobre a historia do constitucionalismo europeo

O ensaio do catedrático de Dereito Constitucional Roberto Blanco Valdés La construcción de la libertad. Apuntes para una historia del constitucionalismo europeo, acaba de ser traducido ao italiano pola prestixiosa editorial Rubbetino, incrementando deste xeito o volume de obras do docente noutros idiomas. Publicado en España por Alianza Editorial en 2010, como gran parte das obras do autor, o libro parte da idea de que “poucas cousas como a liberdade e o constitucionalismo poden considerarse patrimonio común do noso continente –subliña Roberto Blanco-, na actualidade o único que, no seu conxunto, posibilitou que non sexa unha quimera a persecución daquel anhelo formulado en 1812 pola Constitución de Cádiz: que o fin de toda sociedade política non é máis que o benestar dos seus membros”. O profesor da Universidade de Calabria Silvio Gambino é o responsable do prólogo deste ensaio agora en lingua italiana, no que se explica “o longo proceso histórico a través do cal a nosa liberdade se foi construíndo da man das Constitucións aprobadas nos diversos Estados europeos” dende finais do século XVIII, explica o catedrático da USC. Despois de examinar a ruptura histórica co absolutismo que supuxo o Estado liberal, aborda as novidades esenciais da Revolución —a Constitución e o Estado representativo— e traza os distintos desenvolvementos que experimentaron os Estados europeos ata a actualidade. O libro complétase cun útil cadro sinóptico sobre as grandes etapas do constitucionalismo. O catedrático Roberto Blanco Valdés suma un novo título á súa bibliografía noutros idiomas