Skip to main content

Continúa aberta a inscrición para realizar o exame oficial de nivel de xaponés

A Universidade compostelá é un dos tres centros oficiais examinadores de toda España

O Centro de Linguas Modernas da USC mantén aberto ata o 1 de outubro o prazo para inscribirse na única convocatoria anual que existe do exame oficial de nivel da lingua xaponesa e que terá lugar o 2 de decembro. Realizaranse exames de cinco niveis, dende o básico-plataforma ao avanzado. Coñecido co nome ‘NOKEN (Nihongo nōryoku shiken)’, está tutelado e organizado pola Japan Foundation e a Japan Educational Exchanges and Services (JEES), organismos oficiais dependentes do goberno nipón con competencias culturais. O certificado outorga a quen o posúa un importante valor curricular para formarse en calquera Universidade xaponesa, solicitar unha bolsa educativa ao goberno ou traballar no país. A inscrición debe realizarse na páxina http://www.jlpt.es. Centro examinador O Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) converteuse recentemente no terceiro centro examinador do diploma NOKEN (Nihongo nōryoku shiken) de España, logo das Universidades Autónoma de Barcelona e Autónoma de Madrid. Nos dezaseis anos que o CLM leva impartindo xaponés pasaron xa polas súas aulas máis de seiscentos estudantes, cun crecemento exponencial cada ano.

The contents of this page were updated on 09.20.2012.