Skip to main content

Medicina conmemora a festividade do seu patrón San Lucas

Será nun acto académico incluído na programación de actividades do Ano Antonio Casares

O reitor Juan Casares presidirá este venres 19 un acto académico co gallo do día de San Lucas, patrón da Facultade de Medicina, nunha sesión no Salón de Actos deste centro académico que comezará ás 12.00 horas e que forma parte do programa de actividades do Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012), en homenaxe ao douscentos aniversario do nacemento do que fóra pai da Química moderna en Galicia. Na quenda de intervencións tomarán a palabra o presidente do Colexio de Odontólogos da Coruña, José Mª Suárez Quintanilla; a vicepresidenta do Colexio de Médicos da Coruña, Enriqueta Rivas; e o decano do centro, Juan Gestal, xunto aos que tamén asistirán os integrantes do equipo directivo desta Facultade. O acto académico inclúe a conferencia, derradeira das que se celebraron ao longo de toda esta semana baixo o lema ‘Antonio Casares e a Medicina’, do profesor e presidente da Real Academia de Medicina, José Carro Otero, titulada ‘Casares e a autentificación dos restos do Apóstolo’. A continuación procederase á inauguración na entreplanta 1º do centro da exposición do Museo de Anestesia, con fondos da Sociedade Española de Anestesia, e dun monumento dedicado ao doante de corpo, que se instalará no xardín da Facultade. Ano Antonio Casares

A conmemoración do Ano Antonio Casares é unha iniciativa que está impulsada polas facultades de Medicina, Farmacia, Bioloxía, Química, Matemáticas e Física, todos eles centros cos que Antonio Casares mantivo algún tivo de vinculación durante a súa etapa universitaria e que concentrarán os principais eventos no marco da conmemoración dos seus respectivos patróns de centro.

The contents of this page were updated on 10.18.2012.