Un grupo estudantes brasileiros da Escola Politécnica Superior de Lugo participou na vendima da Ribeira Sacra
Un grupo de 20 alumnos da materia de Viticultura das titulacións de Grao en Industrias Agroalimentarias e Enxeñería Agrónoma da Escola Politécnica Superior de Lugo realizaron recentemente unha visita ao viñedo experimental que xestiona o grupo de Viticultura da USC na localidade lucense Portomarín, froito da colaboración entre esta institución académica, a comunidade de veciños con monte en man común e o Concello de Portomarín. O numeroso grupo de alumnos, procedentes de distintas universidades de Brasil e que este curso se matricularon na materia, mostraron un grande interese pola viticultura galega en xeral e da Ribeira Sacra en particular. Da man do profesor Julián García Berrios, tiveron a oportunidade de coñecer directamente todos os detalles da vendima e levar a cabo o tratamento de entrada en adega da uva vendimada ao final da xornada, así como a súa preparación para a vinificación. Durante a visita explicóuselles a importancia da planificación da vendima, os materiais a usar e os instrumentos técnico-científicos que se empregan para a análise de diversos parámetros en campo. Os estudantes participantes na actividade pertencen ao programa 'Ciência sem fronteiras' polo que este ano cursan estudos no campus lucense case 90 universitarios brasileiros. A realización desta práctica foi posible grazas ao financiamento para o mantemento da citada parcela neste ano por parte do INLUDES da Deputación Provincial de Lugo, que ademais, facilitou o transporte dos alumnos a Portomarín.