A Aula de Produtos Lácteos organiza en Lugo unhas xornadas técnicas sobre ingredientes e aditivos na industria do leite
A Aula de Produtos Lácteos da USC organiza os días 18 e 19 de outubro unhas xornadas técnicas sobre ingredientes e aditivos na industria do leite. O encontro desenvolverase no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, e servirá para analizar as novas tendencias deste sector e os continuos cambios de demanda que xera o mercado e o proceso de diversificación da industria do leite. Ademais, as xornadas pretenden ser unha revisión profunda dos aditivos e ingredientes empregados na actualidade para a formulación de novos produtos lácteos, cun enfoque aplicado ao deseño e produción de derivados lácteos. A actividade está dirixida ao persoal técnico dos diferentes departamentos da industria láctea: I+D, produción e calidade; arredor de 120 participantes están inscritos no encontro. "Farase especial referencia ás propiedades dos distintos aditivos, o seu mecanismo de acción, doses efectivas, inocuidade, interaccións entre diferentes compostos e as modificacións que poden sufrir durante os procesos de industrialización, almacenamento e tratamento culinario, así como os criterios de elección e aplicación na industria", explican os organizadores do curso. Entre outros relatores, interveñen nas xornadas o director da Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez Dónega; os técnicos da Aula Raquel Baixauli Muñoz, Mª Paz Fernández-Albalat Ruiz e Alfonso Pérez Quintáns; así como expertos internacionais e responsables de I+D, desenvolvemento de produtos e tecnoloxía alimentaria de empresas do sector. O encargado de pechar o encontro será Julio Seijas Vázquez, coordinador da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico (RIAIDT) da USC no Campus de Lugo. O uso de aditivos na industria láctea, a substitución da graxa nos produtos lácteos, a incorporación de aceite omega3, os preparados con froitas, o emprego de aromas, estabilizantes e colorantes naturais ou análise da textura nos produtos lácteos son algúns dos temas que se tratarán no curso, que inclúe tamén unha visita ás instalacións da Aula.