Skip to main content

Un estudo da EPS analiza os beneficios e os sistemas idóneos para a rega nos cultivos do millo, lúpulo e videira

Análise das mostras recollidas nunha das parcelas de videira nas que se desenvolveu a investigación
Análise das mostras recollidas nunha das parcelas de videira nas que se desenvolveu a investigación
Un coñecemento exhaustivo e unha correcta atención das necesidades hídricas destas plantacións garanten unha produción e unha calidade homoxéneas entre campañas

O equipo de traballo Fertirrega e Necesidades Hídricas, do Grupo de Investigación GI-1716 'Proxectos e Planificación' da Escola Politécnica Superior de Lugo, desenvolve desde 2006 un estudo múltiple sobre as necesidades hídricas dalgúns dos cultivos mais significativos de Galicia: viñedo, millo e lúpulo. "Coñecer cal é o método de rega idóneo, a cantidade precisa e o momento axeitado para realizala é esencial para a mellora da produción e da calidade en calquera cultivo deste tipo", explican os profesores Benjamín J. Rey e Javier J. Cancela, directores do equipo de traballo. A investigación en viñedo está subvencionada polo Plan Nacional de I+D+i 2008-2011 cun proxecto do Instituto Nacional de Investigación e Industria Agraria e Alimentaria (INIA), que conta co apoio de fondos FEDER. Ademais, o grupo conta coa colaboración de empresas do sector da rega (como NaandanJain Ibérica e Tefen), a distribuidora de produtos fitosanitarios Lainco e diversas adegas e explotacións gandeiras, así como da cervexeira galega por excelencia, Hijos de Rivera. A previsión dos responsables do estudo é seguir ampliando o abano de cultivos estudados con outros como kiwi, froitos vermellos e viveiros. Rega das videiras Nos últimos seis anos o grupo de investigación vén traballando para coñecer as vantaxes dos diferentes sistemas de rega por goteo (soterrada ou aérea) e o número de horas de rega precisas en cada etapa de desenvolvemento dos cultivos, ao tempo que se aborda o estudo da aplicación de fertilizantes a través da auga de rega co fin de minimizar os impactos ambientais da súa aplicación polas técnicas tradicionais. O estudo desenvólvese en viñedos de adegas pertencentes ás diferentes Denominacións de Orixe galegas: Guímaro, de Ribeira Sacra; Lagar de Cervera, de Rías Baixas; GRS-Viña Fornos, de Valdeorras; e Terra do Gargalo, de Monterrei, ademais dunha adega da rexión do Bierzo, Luna Beberide. Nesta liña de investigación o grupo traballa en colaboración cun equipo da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Ingacal), dirixida por José M. Mirás. "Actualmente a rega estase a estender entre os produtores galegos. Pero un uso inadecuado da auga pode provocar graves efectos. Por tanto, é preciso determinar canta auga necesita a vide e cando é o momento máis idóneo para a rega, algo fundamental para non prexudicar a calidade do mosto e garantir un bo nivel produtivo. Ademais, o uso racional da auga na súa xusta medida pode axudar a evitar perdas no sector nos períodos de seca, pois unha achega suplementaria de auga mediante rega permite que os efectos da falta de chuvias non deixen pegada nin na produción de uva nin na súa calidade" explican os responsables do estudo. Os resultados amosan un mellor comportamento das videiras cando se implementa algún sistema de rega na área de cultivo; en particular coa rega soterrada, xa que se minimizan as perdas de auga por evaporación. Os goteadores que se empregan deitan uns dous litros por hora, o que permite o mantemento da humidade do solo sen producir enchoupamentos nin presentar perdas por drenaxe profundo ou escoamento. A rega iníciase xeralmente en marzo ou abril, cunha aplicación de entre unha e dúas horas diarias, e remata uns quince ou vinte días antes da vendima, se ben é preciso retomar a fertirrega tras a vendima para recargar os niveis de nutrientes do solo de cara á seguinte campaña. "Cabe destacar que esta rega na vide debe realizarse de acordo cos parámetros de calidade que a adega pretenda transferir ao viño, polo que as cantidades de uva e as súas características finais (principalmente acidez e grao alcólico) deben terse presentes na xestión e manexo dos sistemas de fertirrega", explican os responsables da investigación. Unha última parte do proxecto céntrase nos consumidores: mediante catas analízanse cales son as súas reaccións ante o produto final obtido a partir das investigacións, e deste xeito constátase se os ensaios aplicados sobre o produto son valorados polo mercado. Tamén millo e lúpulo Un segundo estudo centrado na rega para a produción de millo desenvólvese na comunidade de regadores Río Miño-Pequeno (nos concellos lucenses de Cospeito e Castro de Rei). Durante os tres últimos anos realizouse a avaliación do sistema de rega da zona, os canóns de rega, co fin de obter os seus parámetros de manexo. Ao mesmo tempo, instaláronse diferentes sensores na parcela unha vez realizada a plantación do millo e controlouse o crecemento e o estado hídrico, tanto da planta como do solo. Con esta información conseguiuse determinar cal é o momento máis axeitado para regar e a dose que debe ser aplicada en cada rega, cunha variación nos últimos anos debido ás condicións climáticas das últimas campañas. Este estudo será ampliado nos próximos anos a diferentes localizacións e sistemas de rega, coa finalidade de acadar unha instalación tipo cos menores custos de implantación, o que permitirá ao agricultor minimizar as perdas no millo xerado polos períodos de seca. Finalmente, na última campaña o equipo iniciou unha terceira liña de traballo, en colaboración coa empresa cervexeira Hijos de Rivera e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), tomando datos sobre o efecto da rega no cultivo de lúpulo (a base para a elaboración da cervexa) na parcela experimental do CIAM en Mabegondo. "Trátase dun cultivo moi esixente en canto aos requirimentos de auga, e por tanto precisa da avaliación dos sistemas de rega e do manexo do estado hídrico da planta e do solo durante todo o seu ciclo", indican os directores do proxecto. Durante as vindeiras campañas seguirase co estudo co obxectivo de obter resultados fiables sobre as cantidades de rega e momento idóneo para a súa aplicación. Recollida de mostras en videira Recollida de mostras nunha das parcelas de cultivo de millo empregadas na realización do estudo Análise das mostras de millo recollidas

The contents of this page were updated on 10.17.2012.