Skip to main content

Un foro internacional analiza as potencialidades da área de Lugo como produtora e comercializadora de alimentos no ámbito local

Hortos urbanos na contorna da cidade de Lugo
Hortos urbanos na contorna da cidade de Lugo
O seminario, organizado desde o máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, desenvolverase entre o 22 e o 27 na sede do Ibader e está aberto ao público en xeral

Os responsables do máster en Xestión Sustentable da Terra e o Territorio que se imparte na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo organizan, a través do Laboratorio do Territorio, un seminario internacional sobre os sistemas alimentarios locais. A actividade desenvolverase entre os días 22 e 27 de outubro na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC, e ten como finalidade "a análise das potencialidades de Lugo e o seu contorno para a produción e comercialización local de alimentos, así como o fomento da agricultura urbana". Ademais dos alumnos, profesores e investigadores da USC, participan no encontro estudantes e especialistas procedentes da Universidade de Wageningen (Países Baixos) e o experto da Universidade de Wisconsin-Madison (EE.UU.) Alfonso Morales. O seminario, estruturado a modo de taller, conta tamén coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo a través do programa Inludes. Sesións abertas o 22, 23 e 27 As actividades programadas comezarán cunha serie de sesións sobre sistemas alimentarios locais por parte do profesor Alfonso Morais, da Universidade de Wisconsin-Madison, que terán lugar os días 22 e 23 na sede do Ibader e ás que poderá asistir todo o público interesado. O día 24 o traballo dos alumnos continúa con visitas de campo e entrevistas con axentes locais para solicitar información sobre a área de estudo. Durante os días 25 e 26 os vinte alumnos do máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio e nove da Universidade de Wageningen que participan no taller traballarán co obxectivo de elaborar unha proposta para desenvolver sistemas alimentarios locais na contorna de Lugo, que será presentada o sábado 27 ás 12.00 horas nun acto público na propia sede do Ibader. As actividades e traballos do taller estarán coordinados e supervisados polos profesores holandeses Ad Woudstra, Wim Timmermans, Ruth Fleuren e Jos Ulen; os profesores e investigadores do Laboratorio do Territorio da USC Urbano Fra Paleo, José María Tubío Sánchez e Andrés Manuel García Lamparte; e o profesor Alfonso Morais. A terra como recurso O Máster Universitario en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio ten como eixo central o deseño de novos modelos de xestión territorial nun contexto complexo e adecuados ás características de cada espazo. "Unha realidade complexa só pode ser abordada desde un enfoque multisectorial e transdisciplinar, polo que o máster inclúe contidos de carácter tecnolóxico, ambiental, de planificación e xestión, e de tipo social", explican os seus coordinadores. O programa de contidos está concibido para formar no coñecemento e as técnicas necesarias para a investigación e o exercicio profesional na planificación dos usos do solo e o deseño de políticas e programas para levar a cabo unha xestión sustentable da terra como recurso. Os alumnos familiarízanse coa teoría e práctica dos procesos de avaliación e planificación, a resolución de conflitos de propiedade, nun contexto diverso no sector público, a empresa, as organizacións da sociedade civil e a investigación académica. Os obxectivos do máster pasan pola formación de especialistas que, a partir do recurso terra, sexan quen de desenvolver novos modelos de territorio; saiban aproveitar as tecnoloxías da información xeográfica para unha nova xestión territorial, integrando as ciencias naturais, as ciencias sociais e a enxeñería; incorporen os resultados da investigación ao proceso de aprendizaxe; e promovan a hibridación académica, cultural e xeográfica entre disciplinas e persoas.

The contents of this page were updated on 10.19.2012.