Skip to main content

Volven as Nerd Nites a Compostela

Volven as Nerd Nites a Compostela
Volven as Nerd Nites a Compostela
Será este martes 23 no Café Casino

A noite de Compostela volverá encherse de ciencia este martes 23 cunha nova sesión das Nerd Nites, charlas de carácter científico en locais nocturnos de ocio que naceron hai anos en Estados Unidos ás que se suma Compostela, a primeira cidade española que coa colaboración da USC as organiza. O éxito alcanzado na primeira sesión, que en setembro ateigou de xente as dúas plantas do Kunsthalle, agarda repetirse a próxima semana no Café Casino (rúa do Vilar, 35). Alí o martes a partir das 22.00 horas intervirán Chus Agra, Carmen Franco e Cristina Trigo –do Departamento de didáctica da expresión plástica da USC e do CGAC–coa charla ‘Agora máis que nunca: construír utopías na educación artística’; Carlos Díaz, de Xeometría e Topoloxía, con ‘Quen é o mellor?’; e Carmen Pomar, profesora de psicoloxía da educación e directora da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC, coa curiosa ‘O cociñeiro, o biscoito e o paraugas: da intelixencia intelixente’. As Nerd Nites

Todas as persoas participantes conxugan unha traxectoria académica brillante e unha gran capacidade comunicativa, requisitos esenciais para participar nas Nerd Nites que unha vez ao mes aglutinarán nun local de ocio da cidade tres charlas, cada unha delas de 15 minutos con temáticas completamente diferentes pero coa clave común da sinxeleza de conceptos e contidos. Nas Nerd Nites charlarán co público das disciplinas que lles apaixonan nun ton distendido e fóra do ámbito académico.

The contents of this page were updated on 10.22.2012.