Skip to main content

O alumnado dos talleres de arte dramática da Aula de Teatro do Campus de Lugo sacan o seu traballo á rúa

A actividade consistirá nunha performance na que se mestura a obra dramática de Jean Genet coas consecuencia do conflito arabe-israelí na faixa de Gaza

O próximo luns 10 a Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo, dirixida por Paloma Lugilde, presenta unha performance na que actúan os 31 alumnos que participaron nos dous talleres de arte dramática desenvolvidos durante o primeiro trimestre do curso. A cita será a partir das 20.15 horas na Praza Maior da capital lucense, coa posibilidade de traslado á Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo en caso de chuvia. Ao longo do primeiro trimestre do curso académico, e dentro do programa de formación escénica, organizáronse dous talleres de arte dramática, onde os alumnos tiveron ocasión de afondar no mundo do teatro. En ambos os talleres profundouse na figura de Jean Genet, dramaturgo, novelista, ensaísta e poeta que triunfou na escena con títulos como O balcón, As criadas, Os negros..., e que pasou os últimos anos da súa vida defendendo a causa palestina. Deste xeito xurdiu a performance De Genet a Gaza que, en palabras de Paloma Lugilde, “pretende achegar, a través do movemento corporal e de pequenos textos de Jean Genet e de Sarah Kane (admiradora de Genet e figura a quen o ano pasado dedicou a Aula do Campus de Lugo a súa montaxe), o mundo deste dramaturgo e a situación actual de violencia na Faixa de Gaza, para facer a nosa particular achega desde o teatro universitario en favor da paz no mundo”.

The contents of this page were updated on 12.07.2012.