Skip to main content

Persoal investigador en nanomedicina avanzou nos retos para a transferencia de coñecemento

Máis de 150 persoas de 15 institucións de investigación diferentes asistiron na USC ao encontro de traballo en nanomedicina organizado pola Rede de Centros Singulares do Campus Vida en colaboración co proxecto NanoValor. Abordáronse interesantes temáticas como a nanoteragnose, novos biomateriais, nanomedicinas e os retos que se presentan para a transferencia de coñecemento nese ámbito. Na sesión, a profesora da Universidade de Boston Joyce Wong demostrou a produción de microburbullas estables e orientadas monodispersas con ruptura controlable; Tito Trindade, da Universidade de Aveiro, ilustrou o interese dos materiais nanocompostos en varias bioaplicacións que inclúen a detección óptica de bioanalitos, a entrega controlada de drogas e produtos antimicrobianos; e Mario Barbosa, da Universidade de Porto, expuxo os últimos avances na rexeneración de tecidos. Tamén achegaron a súa visión investigadores e investigadoras da Rede de Centros Singulares da USC. Así, Anxo Vidal, do CIMUS, destacou as oportunidades e retos da nanotecnoloxía na terapia do cancro, mentres que María José Alonso repasou as aplicacións das nanopartículas transportadoras de fármacos que se desenvolveron no seu grupo de investigación, entre elas o tratamento da citada enfermidade, as nanovacinas e a aplicación de péptidos por vía oral. En representación do CIQUS, José Luis Mascareñas explicou cómo as moléculas que deseñaron son capaces de interaccionar co ADN, inseríndose no seu suco menor, mentres que outras serven como sensores ópticos luminiscentes para detectar marcadores biolóxicos relacionados co cancro. Pola súa banda, Eduardo Fernández Megía expuxo posibles aplicacións médicas dunhas nanoestruturas poliméricas biocompatibles desenvolvidas no seu grupo e Juan Granja mostrou cómo moléculas cíclicas de péptidos se autoensamblan para formar nanotubos que interaccionan coa membra da célula, o que pode dar lugar a novos fármacos. O encontro acolleu tamén unha mesa redonda con representantes do ámbito académico, capital risco, fundacións, PEMES de base tecnolóxica e da gran industria farmacéutica na que trataron as claves e retos na translación de resultados de investigación no ámbito da biomedicina. Do debate concluíron que aínda está pendente o desenvolvemento en nanotransportadores selectivos para dianas terapéuticas específicas, a rexeneración de tecidos e a necesidade dunha investigación máis colaborativa e transdisciplinar. Polo que respecta á transferencia de resultados e o desenvolvemento de negocio remarcouse a importancia de dispor de xestores de capital risco especializados no ámbito da nanomedicina; lograr un adecuado equilibro entre inversións a longo prazo e ingresos a curto; avanzar cara a un posicionamento internacional e un apoio financeiro institucional estable. Finalmente lembrouse a importancia de completar un adecuado desenvolvemento de novas normativas e recursos das axencias regulatorias no ámbito xeral da nanotecnoloxía.

The contents of this page were updated on 12.19.2012.