Un mercado solidario na Facultade de Veterinaria de Lugo recada fondos para varias protectoras de animais galegas
A Asociación Estudantil da Natureza e Defensa Animal (AENDA), con sede na Facultade de Veterinaria, organiza para o martes 4 un mercado solidario co obxectivo de recadar fondos para distintas asociacións protectoras de animais de Galicia.
Os organizadores destacan que esta actividade “é posible grazas á doazón, por parte da Facultade de Veterinaria, de todos os obxectos perdidos e que non foron reclamados ao longo dos últimos anos anos”. Estes obxectos venderanse a un prezo asequible e fixado pola asociación, “co fin de que todos poidan contribuír a cambio de bufandas, gorros, paraugas, estoxos, rotuladores, bolígrafos etc.”.
O mercado estará situado na parte inferior do Aulario de Veterinaria, concretamente debaixo da aula de 5º curso, e estará aberto a todo o público interesado, sexa ou non membro da comunidade universitaria, entre as 12.00 e as 20.00 horas.