Skip to main content

Especialistas internacionais avanzan en Santiago na investigación sobre prións

O congreso está a ter lugar na Facultade de Medicina (Foto: Santi Alvite)
O congreso está a ter lugar na Facultade de Medicina (Foto: Santi Alvite)
Os prións son estraños axentes infecciosos que causan enfermidades mortais nos seres humanos e no gando

Especialistas internacionais asisten estes días en Santiago ao Primeiro Congreso Ibérico sobre Prións que se desenvolve na Facultade de Medicina da USC para avanzar no ámbito de estudo dos prións, sexa na investigación básica, no control veterinario ou na epidemioloxía, diagnose e patoloxía das enfermidades priónicas humanas. Os prións, estraños axentes infecciosos formados unicamente por proteína que causan enfermidades neurodexenerativas mortais nos seres humanos e no gando, foron a pasada década responsables da epizootia de encefalopatía esponxiforme transmisíbel, doenza popularmente coñecida como o ‘mal das vacas tolas’ que foi controlada e xa non supón un risco para a saúde humana. Pese a iso, advirte o investigador da USC Jesús Requena, numerosos aspectos fundamentais da bioloxía dos prións continúan a ser descoñecidos. Ademais, os mecanismos moleculares de propagación dos prións constitúen unha chave para a comprensión doutras enfermidades neurodexenerativas moito máis frecuentes como a doenza de Alzheimer. O congreso, cuxas sesións científicas estarán abertas a toda a comunidade, está organizado polo profesor do Departamento de Medicina da USC e investigador do Laboratorio de Neuropatoloxía do CIMUS Jesús Requena e pola investigadora do Laboratorio Nacional de Investigación Veterinaria de Lisboa, Leonor Orge, encargados da inauguración deste luns. Jesús Requena e Leonor Orge presentaron o congreso (Foto: Santi Alvite)

The contents of this page were updated on 12.03.2012.