Skip to main content

O XIII Ciclo de Novos Intérpretes remata este luns, tras doce concertos nos que interviñeron máis de 35 xoves talentos

O Paraninfo da Universidade acolle o 28 a última actuación desta edición

Máis de trinta e cinco novos talentos musicais pasaron dende o pasado 17 de xaneiro polo Paraninfo da Universidade de Santiago (sito na Facultade de Xeografía e Historia). Foron os protagonistas dos 12 concertos cos que contou o XIII Ciclo Novos Intérpretes da Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza, que remata este luns 28. A música de cámara, cunha grande variedade de instrumentos, foi a protagonista desta actividade, organizada en colaboración coa Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC. O concerto de clausura comezará ás 20:30 horas co dúo de violín e piano dos irmáns Antón e Manuel Sampedro Sueiro. Estes composteláns, de 12 e 15 anos –respectivamente- realizan na actualidade estudos de grao profesional mentres estudan na Escola Koservatorya. Xuntos interpretarán a segunda romanza para violín de Beethoven e a ‘Meditación’ de Massenet, antes de pasar ao repertorio ruso con obras de Kavaleski e Khachaturian. Tras un descanso, tres mozos músicos formados no Conservatorio Profesional de Música de Santiago interpretarán unha peza de Johannes Brahms para esta agrupación ‘Trío para clarinete, cello e piano en la menor op 114’. Trátase dos músicos Miguel Moreira Mata, Alba Rodríguez Reirís e Rosalía Gómez Lasheras, que pechan a décimo terceira edición do ciclo. Ao longo de toda a súa traxectoria, máis de 400 participantes teñen pasado polo Ciclo de Novos Intérpretes, unha convocatoria pensada en prol da difusión da música e para prestar apoio ao novos valores de Galicia. A entrada a todos os concertos é de balde.

The contents of this page were updated on 03.25.2011.