Skip to main content

O profesor César Domínguez nomeado membro da Academia Europaea

O profesor de Literatura Comparada da USC César Dominguez acaba de ser nomeado membro da Academia Europeae (‘The Academy of Europe’), fundada en 1988 e que conta con máis de dous mil membros entre especialistas en ciencias físicas, tecnoloxía, bioloxía, medicina, matemáticas, economía, dereito, ciencias cognitivas e humanidades. Esta Academia promove a investigación no ámbito europeo, con especial atención pola interdisciplinariedade e a identificación de temas de carácter transeuropeo a través dun amplo programa de actividades.

O nomeamento do profesor Domínguez, concretamente na Sección de Estudos Literarios, ten relación coas súas investigacións sobre a idea de literatura europea e as súas máis recentes reformulacións no ámbito da Unión Europea, con especial atención polos desafíos que suscita un novo achegamento á literatura europea no marco do espazo común de educación. A este respecto cómpre destacar o último proxecto de investigación do que é investigador principal “Europa, en comparación: UE, identidade e a idea de literatura europea”, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e no que participan os tamén investigadores da USC Silvia Alonso, Federica Angelini, Marco Paone e Darío Villanueva xunto a investigadores das universidades de Dinamarca do Sur, Lisboa, Mainz e Roma.

Os primeiros froitos desta liña de investigación son a participación en proxectos internacionais de publicacións dedicados á investigación da migración en Europa e á propia conceptualización da literatura europea, así como, no ámbito docente, a oferta na USC de novas materias de alcance europeo no grao (‘Traxectorias da literatura europea’, impartida xunto a Fernando Cabo) e no máster (‘Europa como xeografía literaria’). A cerimonia de ingreso na Academia Europaea terá lugar en París en setembro de 2011 con ocasión da celebración do XXIII congreso anual.

The contents of this page were updated on 02.03.2011.