Un seminario, promovido pola USC, examina o impacto dos réximes fascistas no mundo rural
Especialistas españois e internacionais debaterán este sábado 5 de febreiro sobre o impacto do fascismo no mundo rural, no marco do seminario ‘Fascism and agriculture’, promovido por Histagra Grupo de Investigación da USC. A xornada, que ten lugar no Centro de Estudos Avanzados (Cea), iniciarase ás 10:00 horas cunha presentación por parte dos profesores da USC Miguel Cabo e Lourenzo Fernández Prieto e Juan Pan-Montojo da Universidade Autónoma de Madrid. A continuación, a partir das 10:30 horas, investigadores e expertos das universidades de San Francisco, Lyon, Viena, Tokyo ou Budapest, xunto cos do campus compostelán, analizarán os réximes fascistas español, italiano ou alemán. Nos seus relatorios, que concluirán ás 19:45 horas coas conclusións, os participantes tratarán de definir os trazos característicos da intervención dos réximes fascistas no mundo rural. Concretamente, analizarán ata que punto se pode identificar un “mínimo fascista” común a todos estes gobernos, que incluiría compoñentes como o discurso ruralista, a tendencia corporativista, a busca da autosuficiencia alimenticia ou o intervencionismo estatal dos mercados e relacións de traballo.