Skip to main content

Últimos días para participar programas de mobilidade Erasmus, países de fala inglesa e Iberoamérica na USC

O prazo de solicitude das bolsas para o curso 2011-2012 remata o vindeiro 31 de xaneiro

Realizar estudos no estranxeiro é unha oportunidade que aínda está ao alcance da man para os estudantes da Universidade de Santiago. Concretamente, están abertas as convocatorias de prazas para cursar estudos de Erasmus, en países de fala inglesa e Iberoamérica durante o curso 2011-2012. Os alumnos que queiran optar a estas bolsas dispoñen ata o vindeiro luns 31 de xaneiro, para formalizar a súa inscrición. O prazo, que remataba este venres 28 ampliouse por mor da celebración de Santo Tomé de Aquino, festividade na universidade. É requisito común ás tres convocatorias estar matriculado na USC e ter superado o 15% dos créditos da titulación que estea a cursar e estar matriculados polo menos no segundo curso da súa titulación. As solicitudes efectuaranse en liña a través da Secretaría Virtual dos Estudantes e unha vez realizadas os candidatos deben entregar dúas copias das mesmas nos rexistros xerais da USC. Erasmus A Universidade de Santiago convoca para o curso académico 2011-2012 bolsas para diversas universidades europeas ao abeiro do programa Erasmus, incluídas as de intercambio con Suíza. Países de fala inglesa A USC ofrece tamén aos seus alumnos a posibilidade de optar a unha das 50 bolsas para cursar estudos en universidades de fala inglesa coas que ten formalizado convenio de cooperación bilateral, rede Tasset e o programa Isep. Os alumnos que acaden a bolsa Isep contarán con aloxamento e mantenza de balde durante o tempo de intercambio, mentres que os que resulten beneficiarios das de convenio bilateral e Tassep percibirán 1.500 euros, independentemente da duración da estadía. Iberoamérica O terceiro programa de mobilidade aberto é o de estudos en universidades de Iberoamérica coas que a USC ten formalizado convenio de cooperación bilateral.

The contents of this page were updated on 01.27.2011.