Skip to main content

Un colgante atopado en Cova Eirós evidencia a presenza humana no noroeste peninsular nos momentos máis rigorosos da última glaciación

Detalle do colgante datado en máis de 26.000 anos
Detalle do colgante datado en máis de 26.000 anos
Trátase dun colgante que os investigadores datan en máis de 26.000 anos

Un colgante feito a partir dun canino dun pequeno carnívoro, previsiblemente un raposo, pon de manifesto a presenza de ocupación humana no noroeste peninsular nos momentos máis rigorosos da última glaciación, o pleniglaciar. É a conclusión das novas datacións radiométricas realizadas en Cova Eirós (Triacastela, Lugo) polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste do Departamento de Historia I da USC (GEPN) xunto cun equipo do Institut Catalá de Paleoecologia Humana i Evolució Social de Tarragona (IPHES).

O director do GEPN e do proxecto de investigación, o catedrático Ramón Fábregas, explica que ata o de agora, as únicas evidencias neste senso eran un colgante pétreo de Férvedes II (Vilalba) e as cunchas de Dentalium atopadas no xacemento de Valdavara (Becerreá). As novas datacións radiocarbónicas evidencian a maior antigüidade do colgante atopado en Eirós, xa que se atopou nun nivel datado hai uns 26.000 anos, no período do Paleolítico superior coñecido como Gravetense.

As medicións sitúan a esta peza como a evidencia máis antiga de arte moble do noroeste peninsular, correspondéndose cunha etapa na que as montañas estaban cubertas de mantos de xeo e as paisaxes interiores dominadas por pradeiras. Diante da falta de xacementos datados neste época, adoitaba pensarse que Galicia se atopaba despoboada debido aos rigores climáticos.

A presenza de ocupacións humanas neste nivel de Cova Eirós, tendo en conta que se encontra a unha altitude de 700 metros, amosa, en opinión dos investigadores, a capacidade de adaptación das comunidades de Homo sapiens que habitaron o territorio galego durante a última glaciación.

A peza presenta unha superficie raspada que lle confire un aspecto liso e brillante. Na súa parte media ten unha acanaladura feita con ferramentas de pedra que servía para facilitar a perforación final da raíz. O dente atópase fragmentado xa que só se conserva intacta unha das caras. Para este período existen moi poucos paralelos deste tipo de colgante nos xacementos cantábricos (menos dunha decena), a maioría deles concentrados na parte oriental (Cantabria e País Vasco), converténdose o de Eirós na evidencia máis occidental para esta clase de adorno.

O colgante apareceu nas escavacións de Cova Eirós, na localidade de Triacastela

The contents of this page were updated on 02.15.2011.