Estudantes de Enxeñaría xeomática e topografía de Lugo participan nunhas xornadas de motivación empresarial
Romper os mitos sobre a figura do emprendedor é o propósito dunhas xornadas de motivación empresarial que organiza no Campus de Lugo a súa Unidade de valorización, transferencia e emprendemento en colaboración co Concello. Logo de participaren a finais do mes pasado estudantes de enxeñaría civil da Escola Politécnica Superior, este mércores correspondeulle ao alumnado de Enxeñaría xeomática e topografía do mesmo centro. Durante as xornadas expóñense casos reais de persoas emprendedoras en Galicia que explicarán os seus inicios, os recursos dos que dispoñían, a orixe da súa idea empresarial, as motivacións que os levaron a desenvolver o seu proxecto, as dificultades que tiveron que superar e as ameazas e perspectivas de éxito que se avistan no seu sector ou mercado. Os seminarios comezan mostrando a figura dunha persoa emprendedora, pedra angular de calquera proxecto empresarial, e analízase a relación entre o éxito da empresa e as súas características persoais. Continúa a xornada tratando a idea de negocio, é dicir, que concepto se pretende vender e cal será o perfil da clientela potencial habida conta que a viabilidade dun proxecto depende en gran medida da calidade e madurez da idea inicial. Neste bloque temático abórdanse tamén as diferentes fontes de información ás que se debe acceder para recompilar datos, procesalos e analizalos co fin de examinar os visos de viabilidade comercial, económica-financeira e técnico-legal.
Por último, ofrécense recursos e ferramentas para transformar a idea en proxecto tales como elaborar un plan de empresa rigoroso ou unha planificación real dos recursos humanos e materiais necesarios.