Skip to main content

As xornadas de Formación, Educación, Xénero e Igualdade avalían o reto da igualdade das mulleres e do xénero en época de crise

Estudantes, docentes e profesionais implicados en tarefas de formación e educación son os principais destinatarios das VI Xornadas de Formación, Educación, Xénero e Igualdade, que nesta edición se desenvolverán baixo o lema ‘O reto da igualdade das mulleres e do xénero en época de crise. Perspectivas Múltiples’. O obxectivo que se propoñen estas xornadas é a transmisión do coñecemento formativo necesario de cara á promoción en persoas novas, especialmente nos varóns pero tamén nas mulleres, dun cambio de actitudes cara posturas igualitarias que permitan unha convivencia e unhas relacións interxénero equitativas e democráticas. A inauguración oficial celébrase este mércores 4 nun acto que vai presidir o reitor Juan Casares a partir das 16:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación de Campus Vida. Neste arranque das xornadas tamén está prevista a intervención da secretaria xeral de Igualdade, Marta González; a concelleira de Benestar Social e Muller do Concello de Santiago, Mar Martín; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; o decano de Ciencias da Educación, Lois Ferradas; e a directora das xornadas, Rita Radl. Partindo da relevancia das relacións interxénero para o conxunto de calquera estrutura social, estas xornadas abordan dende a óptica da educación e socialización humanas o reto da consecución dunha maior equidade en función do xénero en épocas de crise de índole económica, política, laboral e social, sobre todo para as mulleres. Na xornada inaugural, o programa comezará coa conferencia que pronunciará a catedrática de Socioloxía da Universidade Carlos III, Constanza Tobío, baixo o título ‘Igualdade das mulleres e conciliación en épocas de crise’. Seguiralle un coloquio-debate sobre aspectos actuais e novos retos nas políticas de igualdade de xénero no contexto europeo e estatal, e un obradoiro de experiencias educativas e didácticas. Programa do xoves ‘Procesos de transformación das identidades de xénero. Novas necesidades de organización social’ será o lema do coloquio-debate co que comezará a xornada do xoves 5, prevista para as 9:00 horas. Seguiralle, a partir das 12:00 horas, un segundo coloquio dedicado a ‘Violencia, crise económica e xénero’

Xa pola tarde, dende as 16:00 horas, o debate xirará arredor do tema ‘Investigación, políticas científicas e xénero no século XXI’, para completar esta segunda xornada coa celebración dun obradoiro de experiencias educativas e didácticas.

The contents of this page were updated on 05.04.2011.