A Fundación USC Deportiva colabora de novo este verán coas rutas ‘Camiño ao Gaiás’
Un ano máis, a Fundación USC Deportiva colabora coa Cidade da Cultura de Galicia na organización de visitas guiadas ao novo complexo arquitectónico no Monte do Gaiás. Trátase de presentarlles aos visitantes novas rutas para achegarse a pé ao complexo deseñado por Peter Eisenman, poñendo en valor os seus arredores, tanto dende o punto de vista da natureza como dende a difusión do patrimonio histórico, permitindo así descubrir algunhas das “xoias arquitectónicas” de Compostela. As rutas de ‘Camiño ao Gaiás’ desenvolveranse nas tardes dos mércores de xullo, agosto e setembro. Os itinerarios, gratuítos previa inscrición en www.fundacionuscdeportiva.org, partirán desde a praza de San Roque ás 17.30 horas. Nesta actividade pode inscribirse calquera persoa que o desexe aínda que non se recomenda para menores de 10 anos. O cupo máximo de persoas por itinerario será de 25 e no caso de haber máis inscricións que prazas crearase unha lista de agarda na que se respectará a orde de inscrición.