O guitarrista Rafael Muñoz ofrece na Casa do Saber un concerto comentado de música barroca

Acompañado de guitarra barroca e tiorba o instrumentista Rafael Muñoz ofrecerá este mércores 26 na Casa do Saber de Lugo un concerto comentado de música barroca. O recital ‘Baylad Caracoles (danzas barrocas para corda pulsada)’ será ás 20.30 horas, con entrada libre ata completar o aforo. En varios momentos do recital -con obras de Gaspar Sanz, Santiago de Murzia, Antonio de Santa Cruz, Johannes Hieronymus Kapsberger, Robert de Visée, Angelo Michele Bartolotti e Mr. de Sainte Colombe le fils- o interprete realizará comentarios acerca dos instrumentos empregados e o repertorio interpretado, situándonos no seu contexto histórico e explicando a súa proxección actual. Rafael Muñoz Rafael Muñoz (Lugo, 1971) obtén en 1996 o Título Superior de Guitarra polo Real Conservatorio Superior de Madrid, onde finaliza simultaneamente os estudos de harmonía, contrapunto e fuga. En 1997 inicia os seus estudos na especialidade de Instrumentos de corda pulsada do Renacemento e do Barroco no Conservatorio Superior de Sevilla co catedrático Juan Carlos Rivera, finalizándoos co Premio Extraordinario Fin de Carreira e co Título Superior na devandita especialidade. En 2004 ingresa no Instituto de Música Antiga da Musikhochschule de Trossingen (Alemaña) como alumno oficial do catedrático de laúde Rolf Lislevand. Grazas a unha bolsa da Xunta de Andalucía, completa un posgrao de tres anos centrado na interpretación do repertorio solista para tiorba, viola de man, guitarra barroca, laúde renacentista e laúde barroco, así como a execución do baixo continuo sobre os devanditos instrumentos. En xullo de 2007 finaliza os seus estudos en Trossingen coa máxima cualificación no exame final e obtendo o Diplom Kunstleriche Ausbildung in Alte Musik. Como intérprete desenvolve a súa actividade concertística en España e noutros países europeos, tocando diversos instrumentos como tiorba, viola de man, guitarra barroca e laúde renacentista. Traballou con grupos como Poema Harmonico, Armoniosi Concerti, Orquesta Barroca de Sevilla, Orquesta de Cámara Reina Sofía, Salzburger Bach Choir, Scala Çeleite, Das Brot der Musik, Camerata Iberia e Los Músicos de su Alteza, realizando gravacións discográficas para os selos Almaviva, Lindoro, Arsis e, recentemente, para Brilliant Classics co seu grupo La Bellemont. Traballou con directores do nivel de Jordi Savall ou Eduardo López Banzo e actuou en salas de concertos como o Auditorio Nacional de Madrid, Palau da Música de Barcelona ou a Sala de Cámara do Kursaal de San Sebastián.