A campaña de doazón de sangue chega á Escola de Profesorado de Lugo
A comunidade universitaria de Lugo poderá doar sangue este xoves 27 na Escola de Formación do Profesorado, onde se vai instalar unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia. Permanecerá aberta de 9.30 a 14.30 ao carón da entrada principal, no aparcadoiro. As persoas que decidan participar nesta campaña deberán acudir almorzadas, deixando pasar dúas horas dende o momento do xantar. Antes da doazón, un médico realiza unha entrevista confidencial, para descartar calquera aspecto que a impida. Ademais, realízanse medicións de pulso e tensión sanguínea así como unha análise de sangue. Para doar é preciso ter máis de 18 anos, saúde normal e un peso superior aos 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatite B, hepatite C, SIDA, ...). É un proceso que dura aproximadamente entre 5 e 7 minutos e para o que se emprega material estéril dun só uso, que se abre momentos antes de atender á persoa doadora. Os homes poden doar ata un máximo de catro veces ao ano e as mulleres ata en tres ocasións, deixando pasar entre cada vez un mínimo de dous meses. O volume se sangue extraído, 450 mililitros, recupérase nas dúas horas posteriores á extracción. 7.126 doazóns en 2010-2011 Durante o curso 2010-2011 nas universidades galegas rexistráronse 7.126 doazóns, cun incremento do 0,44 por cento con respecto ao exercicio anterior e unha taxa de 106 doazóns por cada 1.000 alumnos e ano, superando as recomendacións da OMS e da taxa media de Galicia neste mesmo senso. Do total do espazo universitario galego, a USC foi a que rexistrou unhas cifras máis elevadas ao alcanzar 3.352 e unha taxa de 119 doazóns por cada 1.000 alumnos.